martes, 3 de junio de 2008

Crónica dunha acta "interesada"

Para poder engadir este "enxendro de acta", tívena que "tomar prestada" logo da frustrante asemblea que celebramos o día 1 e que rematou coma o "rosario da aurora".
Chámolle enxendro, porque o que di e máis nada, todo é o mesmo. Ao mellor ten algo que ver, que ninguén tomase un só apunte.

A acta ou borrador, xa que non podo precisar o que é, empeza faltando á verdade na primeira liña e aínda que no reflicte o número de asistentes, presuntamente fomos 81.
Se fósemos esa cantidade, non ten lóxica que despois se diga: [O Pres. e algúns comuneiros falan de se será un número bastante para constituír o quórum].

A realidade foi que, unha vez pechada a lista asistentes e dado que o presidente abría a asemblea sen informar do número de presentes, déuseme por preguntar ao vocal que tomou nota, cántos eramos?. Responde que 78 e informo que así non había quórum, xa que cando se aprobara o último censo quedara establecido en 79 comuneiros.

O presidente en vez de coller o libro de actas, non fai nada diso e non se lle ocorre outra cousa máis que dicir que iso era o que afirmaba eu, pero non el.
Mentres estabamos nisto, chegou un vocal e o tesoureiro no papel que non lle correspondía e xa digo, coa lista de asistentes pechada, inscríbeo para así cumprilo quórum. Informo que esa non eras formas de proceder, que pasaba do tema e que non ía impugnar nada. Descoñezo cando inscribiron ou como apareceron agora 2 comuneiros a maiores, algo que se daba noutros tempos.

Agora sen embargo, iso si, sen darme a razón, di que [consultada a cuestión posteriormente, compróbase que o quórum o estableceu a Asemblea do 25-II-2007 na cantidade de 79 asistentes; iso, sen ter conta de que se produciron varias baixas (falso) e ningunha alta dende entón].
É falso que se producise algunha baixa, iso foi un intento vano do vicepresidente expoñendo o caso dun comuneiro da aldea de Calo, que ao falecer pechouse a casa. Neste caso o seu óbito producirase antes de actualizar o censo e caso de producirse algún outro, neses casos seguiu a "casa aberta".
Cómo é posible que aproben a acta e o censo sen informarse antes?

Outro apunte onde se falta á verdade e sobre o que nada se dixo na Asemblea, e na pregunta que din que fixeron ao servizo xurídico da Delegación, sobre [a idoneidade de ser a mesma persoa Pres. e Secr. á vez, e ter respostado dalí que non era a mellor opción, Juan exerceu momentaneamente coma secretario].
Pillase primeiro a un mentireiro que a un coxo. Na asemblea quen exerceu coma secretario, foi o presidente xa que foi el e non o suposto secretario o que dou lectura a acta. Por outra parte, nin tan sequera foi o que elaborou a lista de asistentes, se non que o fixo quen ían propoñer coma novo secretario.
Por outra parte, quen elixe os cargos representativos nas Comunidade é a Asemblea Xeral, XAMAIS se impuxeron a dedo.

Durante o desenrolo da Asemblea e cando o presidente remata de dar lectura a acta do 13 de maio de 2007, informo que nesa asemblea tamén se incumprira o quórum ao estar presentes no momento dunha votación, tan só 78 comuneiros. Digo que fago esa afirmación en bases as notas tomadas polo propio presidente despois de "autoproclamearse" secretario.

Sobre a pista, como teño engadida unha entrada non me vou estender moito, pero de pasar a dicir o 13 de maio que non sabia quen a mandara abrir (está gravado) a afirmar agora que os catro decidiramos falar cos donos, non ten senso ningún.
Por outra parte, agora recoñecese que se abriu sen pasar pola Asemblea, faltoulle engadir que tampouco pola Xunta Reitora (obrigatorio e indispensable) e que [acordouse so falar cos propietarios].
Nun intre do acalorado debate, o tesoureiro di que fun eu o que pedín os permisos (falso). Pido ao presidente-secretario que iso conste en acta e que o tesoureiro diga o nome deses propietarios.
Un veciño afectado e beneficiado, di que a el pediulle permiso só o tesoureiro.

Pola contra, o presidente remata afirmando que non nego nada sobre as preguntas que me fai o vicepresidente, cando sabe perfectamente que non foi así. Dixen que nunha asemblea da Xunta Reitora (17/12/2006) fora el coa reunión xa rematada o que presenta ao vocal de Portofoloña uns planos dicíndolle que non se ía facela pista que había falado eu (sic) e que se ía facer outra na zona onde non ardeu, para ter bos accesos en caso de incendios. Na gravación escoitase perfectamente como o vicepresidente en vez de estar atento ao que se falaba, fala con outros doutras cousas. Esa outra pista tamén tivo a súa historia e o que son as cousas, na reunión nin tan sequera se lle presenta ao resto de vocais, agardase a que se disolva.

Foi a última vez que se tocou o tema ata que o tesoureiro un día lle comunica a meu pai que estaría "contento" porque lle fixeron a pista.
Cando lles pide explicacións e nun intento de acalalo, prométenlle que lle baixarían a leña derribada e lle farían un acceso. Pasou ano e pico, e a leña segue no mesmo sitio e o agro sen acceso.

A pista atravesou 7 propiedades, se o tesoureiro pediu permiso ao final só a 2 propietarios, quen lle pediu permiso aos outros 5. Eu dende logo non, ningún directivo me preguntou nada antes de facerse e dáse a casualidade que nesas datas estaba traballando en Madrid. O certo é que a día de hoxe non sei se a orde de abrila partiu dun só directivo, de varios ou algún organismo alleo á Comunidade, o que agravaría o feito. Isto é o único que intento saber e que se negan a informarme, a pesar de que nalgún sitio ten que haber algún documento.

No sexto punto fágolle entrega ao presidente deste escrito e fíxense o que redactou. Obviamente nin me entregou a acta, nin me contestou, nin rectificou a falsa acusación que me lanzou.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.