sábado, 1 de agosto de 2009

Un bosque non é un cultivo

Unha das poucas cerdeiras que sobreviviu ao lume do 2006

Unha das prioridades que tiña antes de tomar posición do meu cargo en maio do 2005, era na medida das posibilidades da comunidade fuxir do monocultivo do eucalipto e do pino, e alí onde fose posible, volver ao bosque autóctono.

Este bosque en realidade en Nebra xa non existen, pero aí seguen os seus nomes: Carballeira de..., O Souto, O Carballo, A Sobreira.

Estes sotobosques ademais do seu valor paisaxístico, poderían ser unha fonte de creación de emprego e ingresos extras na comunidade, unha vez postos en produción logo de decantarnos por exemplo por arbores con froitos: castaños, nogueiras, cerdeiras, etc.

No tocante a madeiras nobres igual: castaños, cerdeiras (xa o fixemos en dúas zonas, pero o lume arrasou con todo e só sobreviviron algunhas como a cerdeira da foto), carballos e sobreiras de landras, co que poderíamos ao igual que o están tentando noutras zonas, criar porcos «Gallegos, Santiagueses, etc», os de toda vida «o de celta é cousa de agora».

Ademais é de subliñar que neste tipo de bosques crease un ecosistema que permite, por exemplo, que abunden moito máis fungos e champiñóns.

É unha opinión moi persoal e dende logo o día que Europa nos peche a billa dos cartos, a ver que facemos co monte?

Que estabamos en contra do pino xa o dicía o «noso presidente» en tódalas reunións ás que acudiamos da Mancomunidade da Serra do Barbanza, claro que isto foi antes de que o bipartito gobernase. Vexo que foron verbas que se lle foron co vento, porque segue plantando pinos, mesmo alí onde se rexeneran solos e noutras zonas volveunos a plantar a anterior Consellería do Medio Rural.

Aquí poden ollar os beneficios no ecosistema dun bosque autóctono.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.