sábado, 27 de marzo de 2010

Tal día coma onte

Noticia publicada en La Voz de Galicia o 25 de marzo de 2006: Medio Rural reforza o dispositivo para a prevención de incendios

Aínda que a precampaña para loitar contra o lume nos montes comeza oficialmente en abril, a Consellería do Medio Rural, para evitar a onda de incendios que o pasado ano supuxo a destrución de miles de hectáreas de masa arboredo na comarca, contratou xa a 104 profesionais que, desde hai unhas semanas, efectúan traballos de prevención nos distritos cuarto e quinto, os correspondentes aos once municipios da zona. A Xunta reforzou os seus dispositivos ampliando o período de contratación e o número de persoas.

Fontes de Medio Rural manifestaron que o seu obxectivo é aumentar os recursos destinados a evitar o lume, en lugar de verse obrigados a investir grandes sumas de diñeiro en labores de extinción.

No marco desta política, a consellería inclúe a ordenación dos usos do bosque na comarca, unha medida que na actualidade afecta a unhas cincocentas hectáreas de terreo. Polo momento, a Administración destinou tres millóns de euros ao cercado do monte para delimitar as áreas reservadas ao gando mostrenco. Representantes de Medio Rural expresaron o seu desexo de que desapareza a conflitividade existente entre gandeiros e comuneiros.

Evitar riscos
Pero non todos os esforzos van encamiñados a limar asperezas entre dous colectivos tradicionalmente enfrontados. Tamén se pon especial atención en evitar que as chamas, en caso de producirse, teñan facilidade para propagarse ás súas anchas e, sobre todo, poñan en perigo vidas e inmobles.

Un dos labores esenciais do centenar de profesionais contratados consiste, segundo indicaron desde a Xunta de Galicia, na limpeza de parcelas abandonas que rodean núcleos de poboación e, ao mesmo tempo, limitan coa superficie forestal propiamente dita. Estas leiras deberán estar limpas de maleza nun radio, polo menos, de 25 metros.

A medida adóptase despois de que o pasado verán houbese na comunidade 51 niveis de alerta un porque o lume ameazaba as casas. Na comarca ese tipo de situacións vivíronse en Ribeira, Carnota e Muros. En ningún dos casos houbo danos persoais, pero si rendeu a alarma entre a poboación.

Madeira queimada
Ademais, no distrito cuarto do que forman parte os termos barbanceses, hai tres cuadrillas dedicadas a sinalar os puntos nos que hai madeira queimada, outras dúas teñen a misión de arranxar as pistas forestais e unha sexta encárgase da revisión dos puntos de auga.

Polo que respecta ao distrito quinto, no que figuran, os municipios de Muros, Carnota e Mazaricos, hai, tres equipos con iguais labores que no caso anterior, outro ocupado en levar a cabo labores de concienciación entre a poboación, especialmente infantil.

Tamén hai traballadores aos que se lles encomendou mellorar a base helitransportada de Lomba, que se atopa en Santa Comba, para que estea en perfectas condicións.
Lamentablemente agosto puxo a cada quen no seu sitio, e tódalas promesas convertéronse en papel mollado e cinzas nunha semana.
Por si non nos chegaba que o lume nos arrasara co 90% do monte aínda nos agardaba outra sorpresa, Medio Rural decidira negarnos a subvención concedida no seu día para efectuar traballos de prevención coa nosa cuadrilla. Por suposto disto xamais se dou conta aos comuneiros e non hai que ser moi listos, para decatarse o porque dese silencio.
As fotos están tomadas na mesma zona. Na primeira vese como estaba o monte antes e como ía quedando despois. É certo que foi un traballo en balde da cuadrilla e da comunidade, pero os comuneiros non podíamos pagalos erros da administración.
Agardemos que non se volva a repetir nos nosos montes outro nefasto 2006.

No hay comentarios: