martes, 18 de mayo de 2010

Acta 29 de novembro de 2009


Acta da asemblea xeral da C.M.V.M.V de Nebra celebrada o 29 de novembro de 2009
A orde do día para esta asemblea é:
1. Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
2. Informe dos traballos a realizar no monte con persoas contratadas na parroquia e aprobación, se procede.
3. Renovación da autorización á directiva para solicitar subvencións.
4. Solicitude para renovaren e reubicaren a arqueta da auga en Queiro, e aprobación, se procede.
5. Informes varios (punto limpo, parcelaria, documentación, etc.)
6. Propostas e preguntas.

Saúda o presidente e comenta que estamos facendo as xestións para que no prazo máis breve posible podamos dar de alta o Local Veciñal: por ese motivo, no final da asemblea, tomaremos todos xuntos uns pinchos.

Despois de lida a acta, pregúntaselles aos asistentes se están de acordo no que nesta consta, e ningún dos asistentes se manifesta en contra. Só intervén José Maneiro Maneiro para manifestar que se deberían exporen copias das actas nos lugares de costume, antes de celebrarmos a asemblea.
Unha de dúas, o secretario ou os comuneiros non debemos estar na mesma asemblea. Despois da intervención deste comuneiro, houbo un intenso debate e aprobouse por maioría que a xunta reitora tiña que expolas actas días despois de celebrarse a asemblea, e non o mesmo día que se celebre a seguinte. Que lóxica ten iso?, se instantes despois xa dan lectura á mesma. Non publicalas ao seu debido tempo ten a súa lóxica, quen se acorda seis meses despois do que se falou e debateu? Poucos. Desta forma é máis fácil manipulalas.
Resumindo, de que vale que tomemos acordos por abrumadora maioría, se se negan a acatalos?.
Pasamos ao segundo punto, no que o presidente informa á asemblea dos traballos que se queren facer no monte con tres persoas que pertenceron á cuadrilla de prevención. Comenta que foi un acordo que se aprobou unanimemente na última reunión da xunta reitora. En dita reunión acordouse que tres integrantes da cuadrilla de prevención continuaran facendo traballos no monte, entre os cales estaba o de cortar leña para vendela. Continua informando o presidente de que despois de varios comentarios sobre prezos, cantidade, forma de cortala e transportala, etc, decidiuse probar ata fin de ano, a ver se era rendible. Intervén Humberto Piñeiro, manifestando que esas tres persoas xa están traballando sen que o aprobara unha asemblea, e, segundo el, tódalas decisións que tome a directiva da comunidade teñen que ser necesariamente aprobadas con anterioridade nunha asemblea. A resposta do presidente é que non ten que ser necesariamente así, xa que, se fora deste xeito, moitas decisión sería imposible tomalas. Tamén lle contesta Fernando Fernández Formoso, mostrando o seu desacordo coas súas opinións, e, ao remate da intervención deste comuneiro, Francisco Calo García pregunta en que asemblea se nomeou como vogal a Fernando Fernández Formoso, solicitando que conste na acta a súa pregunta, e que se lle reposte. A resposta é que foi elixido na reunión da xunta reitora celebrada o día 17 de xuño do 2009.
Aínda que na acta se fala de tres os comuneiros beneficiados, en realidade foron catro, xa que o tractorista foi un máis. Fago este apuntamento, polo que pasou agora na asemblea.
Con respecto á miña pregunta, textualmente foi: en que asemblea «xeral» se nomeou como vogal ao señor Fernández Formoso? Non se me contestou como consta na acta, se non houbese rebatido dita ilegalidade.
Algún comuneiro ou directivo doutras comunidades entenderá ou aplicará a doutrina do noso presidente?: «...non ten que ser necesariamente así, xa que, se fora deste xeito, moitas decisións sería imposible tomalas» [sic].
Sen máis intervencións, consúltase coa asemblea se están de acordo en continuar ata fin de ano cos traballos no monte, e sen ningunha opinión en contra, damos por aprobado este punto.
Como ben dixo Humberto Piñeiro, os traballadores xa estaban traballando «dende setembro ou outubro e con contrato en vigor». De votarse en contra, estarían no seu dereito a reclamala rescisión do contrato.
No terceiro punto, explica o presidente que, para poder xestionar as posibles subvencións que ofrecen os distintos organismos, un requisito que nos esixen é unha autorización da asemblea á directiva da comunidade para poder facer estas xestións, e que non estaría de máis renovar esta autorización. Tódolos comentarios son a favor, e despois de consultar coa asemblea, apróbase este punto sen ninguén manifestarse en contra.

No cuarto punto dáse conta a unha solicitude presentada polos veciños de Queiro, para unha cesión dun terreo no monte, aproximadamente duns 200 m2, no que queren construír unha arqueta de auga e tamén pasar tubarias novas da arqueta ás casas. Aprobase unanimemente.

No quinto punto informa o presidente dos atrancos que tivo a obra do punto limpo pola parte do Concello, a causa da creba da empresa inicialmente contratada. Fanse tamén varios comentarios sobre o tema da concentración parcelaria (entrega de títulos, circunvalación de Coira, etc) e con base na proposta de Mª Jesús Rodríguez Martínez, acórdase recoller o maior número de reclamacións, para entre todos intentar que a concentración termine os diversos traballos que ten sen rematar.
É totalmente falso e aquí é onde vexo a manipulación ou a incompetencia do secretario, de que os atrancos do punto limpo fosen culpa do concello ou o que é o mesmo, do ex-alcalde, o señor Tomé do Partido Popular. A súa construción é competencia da Xunta de Galicia e cando se fixo a cesión, aínda gobernaba o bipartito «PSOE-BNG». Vexan se non o que manifestou en abril o compañeiro do presidente: o edil Xoán León pide á Xunta que axilice a obra do punto limpo. Máis claro, auga.
E cando son as 8:19, xa ca xente empezando a abandonar o local, dáse por rematada a asemblea.

Documento redactado en base as fotografías que achego

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.