lunes, 24 de mayo de 2010

Estado de contas... e contos

Comeza o tesoureiro dicindo que ía da-lo estado de contas de xeito resumido, iso era: gastos e ingresos totais. Humberto Piñeiro afirma que o normal é que se diga detalladamente en que consistiron eses gastos e de onde procederon os ingresos. Isto non gustou ao tesoureiro e produciuse un pequeno debate entre os dous, para pasar a dalo tal e como lle solicitara o comuneiro, pero encarándose cara a el, polo que de novo o recrimina pedíndolle que o dese dirixíndose a todos.

Con todo iso foi igual un resumo, xa que non se separaron detalles coma por exemplo, canto nos custou a aventura de contratar aos tres traballadores, sen pasar antes pola asemblea?. Todo foi mesturado en nóminas e seguros, pero unha cousa foron os contratos avalados pola asemblea, e outros os subscritos de xeito irregular pola xunta reitora.

Cando rematou tamén dixo que agora non van poñela documentación nos bares, porque ao parecer foron criticados por facelo [sic]. Dixo que foi un acordo de todos e que o facían en base a que agora había un local que antes non había. Síntoo de novo levarlles a contraria, pero antes tamén o había aínda que fose alugado. Nel tódolos sábados e os dez días preceptivos á celebracións das asembleas, coma secretario estaba ao dispor dos comuneiros e comuneiras que quixesen ve-la documentación do arquivo ou dos asuntos a debater. É con todo iso, tal e como demandan os Estatutos, colocaba igualmente a documentación nos taboleiros e ninguén veu a queixárseme por facer iso. Só mostraron a súa desconformidade os meus propios compañeiros, para que agora traten de colgarse o mérito de que están tódolos sábados ao noso dispor.

Xa sen que nada tivese coas contas, pasouse a falar sobre as plantacións realizadas e o presidente dixo que ao mellor outra xente pensa o contrario, pero que hai moitas zonas onde os montes se están rexenerando en por eles. Esa foi unha teima miña neste blogue e denunciando plantacións de piñeiros, onde se habían rexenerado e como agora cos tractores de cadeas, incluso levaron por diante os plantados e quedaron os rexenerados. Xa digo, outra cousa seria que se repoboase con especies nobres, pero facelo con piñeiros foi gastalos cartos, beneficiar a empresa que os plantou, que os vendeu e quedarnos con cara de parvos. Porque ese é outra, as subvencións que veñen para plantar, traen consigo detrás outras para limpeza, rarea e poda, que cobra case directamente a empresa que xestiona todo.

Véxase no centro da foto un piñeiro plantado e ao seu carón, moito máis grandes, os ventureiros.

De seguido saltase con outro tema, quizais o máis candente da asemblea. O presidente dixo que «o experimento ese» que fixeron coa leña en catro meses, que fora un absoluto fracaso. Admite que foi un erro pola súa parte, pero matizando que ao mellor foi algo que non se fixo ben, pero que saíu moi mal. Tamén dixo que se venderan vintecinco viaxes de leña e que iso se podía discutir e mirar, pero que eles tamén tiñan as súas opinións e que habería opinións para tódolos gustos.

Humberto Piñeiro pregunta directamente se dou perda. O presidente e o tesoureiro dinlle que si e Humberto afirmou que os responsables eran os catro. Insistiu en que só foran eles os que aprobaron iso e non os comuneiros. O tesoureiro dille que ao mellor tiña razón cando o dixo novembro, e córtao dicíndolle «acabouse o debate». Humberto insiste en que si se aprobase pola asemblea, esta sería a responsable, pero ao ser só eles os culpables, tamén serian os responsables de pagar. O presidente matiza que iso si que non.

Novamente Humberto insiste en que as cousas deben de facerse aquí [nas asembleas] e non aí [na xunta reitora], pero o presidente dille que si se fixeron aquí. Humberto replícalle que non, porque xa estaba todo en marcha cando se dou a coñecer á parroquia, preguntadolles se non se acordaban. O presidente dille que estaba feito coma moitas outras cousas e o secretario, que eles só eran responsables antes de aprobarse pola asemblea [sic]. Humberto dando por rematado o tema di que dou perdidas, pero como vai aos fondos da parroquia, aquí non pasou nada.

Alguén di que os vogais [que non abriron a boca para nada] tamén son culpables e que tamén terían que pagar. Humberto só lles di que iso era para que se desen de conta que as cousas deben ser aprobadas polos comuneiros e non só polos eles.

Ao final o debate rematou nun cruce de reproches, acusacións e descualificación contra Humberto. Primeiro intervén Juan Pouso para preguntarlle si era perfecto. De todos os presentes era o menos indicado para facela pregunta, xa que se beneficiou desa irregularidade, ao facelos viaxes da leña no seu tractor. Ao mellor entendese esa defensa numantina aprol dos reitores, unha porque o sogro é vogal e polo visto aprobouse por unanimidade e porque no seu día se-lle adxudicou directamente o segundo proxecto do local. De aí que manteña que este tipo de actos deben ser erradicados en tódolos eidos, para evitar "deber" este tipo de favores.

Pero quen foi a máis no seu ataque sen razón, foi Juan Lema [coido que vogal] que o inquiriu polo cemiterio e acusándoo de facer alí un "pombal", para rematar faltándolle ao respecto.

É incrible, cando no ano 1993 Humberto fixo a urbanización do cemiterio, Lema non só non dixo nada, se non que estivo en contra dos que considerabamos que non só estaba mal planeado, se non que o peor, era que non cubría as necesidades da parroquia. Dicir a todo isto, que por aquel entón os dous eran vogais, polo que aínda se entende menos o reproche e coma proba, aí están as actas onde se pode comprobar que nunca mencionou que alí se estaba facendo un pombal, para dicilo agora dezasete anos despois. Terei tódolos defectos, pero iso si, non agardo tantos anos para dicilas cousas, e tampouco permitiría que outros o fixesen para tapar un erro meu.

Pero aínda ten máis gracia que na última reunión á que asistín coma secretario, amoseille a tódolos reitores un pago de cen mil ptas., feito curiosamente por esa mesma directiva na que estiveron os dous, para denunciarme cando era membro do sector crítico e Lema, foi un dos que me dixo que non quería remexer en temas pasados. Por que aquel día non, e agora si?

Só unha pequena aclaración do porque amosei ese documento. Existe unha acta na que a xunta reitora aproba por maioría denunciarme e dado que realizaron o pago e nunca tramitaran a denuncia, entendo que non tiñan razón, polo tanto máis que a comunidade buscase recuperar eses cartos, quería que se anulase ese acordo, pero xa non me deron tempo a máis ao cesarme fulminantemente. Non lles interesa que se descubra que coma crítico sempre busquei o mellor para a comunidade, mentres moitos deles estaban na súa casa agardando tempos mellores.


1 comentario:

  1. En Asturias pasa lo mismo, siempre se quieren salir con la suya y hacen justificable o injustificable

    ResponderEliminar

Para poder comentar só pido sentido e respecto.