martes, 10 de agosto de 2010

O que hai que escoitar!

Xa sabemos, a partires de agora queda «prohibido» falar de violacións, asasinatos, roubos, etc, para evitar contaxios. Noutros tempos a isto chamábaselle censura: Juárez reten datos de lumes para evitar "contaxios".

A verdade é que nesta bisbarra e agardando que remate así sen lumes este verán seco «xa contabilicei varias fontes que non lembro haberen secado antes», caloroso e con vento do nordés, os tres ingredientes para a proliferación de lumes, estamos tendo moita sorte, pero non se poden tirar foguetes antes de tempo. En Nebra polas festas da Balbanera ten ardido o monte moitos anos e iso que comezan o terceiro domingo de setembro.

Cando polos oitenta organizaba estas festas, foi raro o ano que non os houbo, salvo que chovese, e meu pai, tenme comentado as anécdotas que-lles pasaban con esta praga que xa sufrían tamén polos cincuenta. Estaban no baile «eran os tempos nos que cando faltaba a luz do día por Lei remataba a festa fora e abría a pista de baile que había en Nebra», cando se achegaba a Garda Civil para levalos a apagalo lume, xeralmente nas Penas de Calo. Os que podían fuxían por riba dos muros con silvas e os que non, previa toma de datos debían acompañalos. Escapaban non por non loitar contra o lume, se non porque ese día lucían as súas mellores roupas e que a maioría, estreaba ese día.

O dito, agardo que sigamos con esta boa sorte, porque na retina de moitos aínda brillan as laparadas do desastre do ano 2006.

Na imaxe a fonte de O Castrallón, seca dende fai varias semanas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.