jueves, 26 de agosto de 2010

Salven o monte!!!

Lémbrome de rapaz como os veciños acudían cos seus carros de vacas ás praias para recollelo argazo que o mar depositaba na area para usalo como argueiro nas leiras. Era un traballo moi ingrato, non só polo cheiro e as molladuras que collían, se non porque moitas veces o carro enterrábaselle i era necesario a colaboración das vacas do veciño para sacalo da praia.

Con isto conseguíanse dúas cousas, os labradores obtiñan un excelente e rico abono para sementeira e de paso, saneaban as praias, aínda que este non fose o seu obxectivo.

Na procura de documentarme ou dalgunha foto desta ancestral labor, na Rede atopei esta máis que interesante web que-lles recomendo, non só pola información que proporciona, se non polas fotos que dispón. O título xa o di todo, anaco de historia.

Chegado a este punto preguntaranse, e que ten que ver isto co monte? Teno e moito, porque o día 24 a Conselleira de Mar, Rosa Quintana, suxeriu en Poio a posibilidade de que as algas que podrecen en improvisados vertedoiros en terra na ría de Pontevedra podíanse destinar á rexeneración de zonas devastadas por lumes forestais:

Sen embargo hoxe atopámonos coa desagradable sorpresa de que o Grove suspende a vertedura de algas no monte polo temor a sancións. Resulta cando menos curioso que a Conselleira fixese esas declaracións en Poio, Concello ao que-lle valeu a apertura dun expediente informativo por parte da Policía Autonómica. O mundo ao revés?

Antes da chegada das choivas do outono cumpre facer algo urxente nos montes que arderon, sobre todo nos de forte pendente como son os do Barbanza. O primeiro que se debería facer e aproveitar estes días de chuvia miúda para sementar algún tipo de gramíneas que axude a fixalas cinzas e a terra, se non vai a acontecelo que pasou no 2006, que o mar se encha de lodos e por riba, mate o marisco, que é a súa vez o que tentan evitalos mariscadores e mariscadoras coa retirada desas algas.

Esta medida podía ser moi boa, pero se a Consellería tira por un lado e a Policía Autonómica polo outro, así non facemos nada, o tempo botásenos enriba e ao remate, saírenos perdendo todos.

Segundo informa tamén a nova, na Illa, outro dos municipios no que as mareas de algas adoitan ser abundantes, seguen a practicar aquela vella tradición. O «esterco» é retirado das praias e trasladado a leiras particulares na que é enterrado. Se funcionou cos nosos ancestros, porque non pode funcionar agora evitando a maiores a desertización dos nosos monte?.

Nestas imaxes do monte de Nebra, ollase o que pode acontecer de novo se os políticos non cumpren co seu papel de buscar unha rápida solución a este problema que se nos bota enriba: terras arrastradas, táxeas atascadas que fan que as pistas se deterioren, montes onde só quedan rochas, ríos contaminados e praias cheas de cinzas e lodo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.