lunes, 6 de diciembre de 2010

A complexidade do abandono do monte

O derradeiro sábado de novembro celebrouse no noso Concello a máis que interesante Xornada Técnica de Ovino e Caprino, aínda que lamentablemente a asistencia de público foi moi escasa, se contamos que só en Porto do Son hai dez comunidades de montes, varios gandeiros e centos de propietarios de agros. Pareceume unha charla moi didáctica e instrutiva, da que agardo que algún aprendese o que significa o termo responsabilidade civil subsidiaría.

Lamentablemente e dado que antes tiven que acudir a actos sociais, esquecéuseme con que tomar notas ou elaborar algún vídeo de mellor calidade, aínda que na cachola quedáronme algunhas anécdotas. Como por exemplo a envexa e luxuria puido facer recapacitar a un presidente dunha comunidade, a pesar do bébedo que se presentara fai anos nunha reunión. Negarase en redondo a un proxecto que-lles propoñían e foi dicirlle que entón investirían ese millóns no pobo veciño, para facelo recapacitar. Así é que mentres en Abadín en cinco anos arderon só 50 Has, na Gudiña, 2.500. Non deron datos do Barbanza, pero non seria descavillado asegurar que dobrámola cantidade.

Outro dato non menos importante do que coido que cumpriría que as comunidades de montes estudásemos seriamente, non só pola labor que fan os animais no monte, se non porque se calcula que en 50 anos o consumo de carne aumentará un 70%. En Nebra, salvo a zona do monte alto, a maioría neste momento esta excluído do pastoreo e cumpre por quen compete, abrir un debate cara ao que queremos facer nel e deixar de facerlle favores aos amigos.

Tamén se falou de prezos. Mentres o ovino e caprino multiplican ou triplican o seu prezo, o cabalar ultimamente incluso non ten saída e un xato, tal e como puidemos ler estes días na prensa, val menos que un café. Nisto hai comunidades que nos levan moita vantaxe: O porco celta esgotou a súa produción de 2010.

Ao remate suscitouse un pequeno debate, quedándome coa intervención do presidente da comunidade que culpou á administración do abandono do agro, no seu afán de introducilo eucalipto. Para evitar que xurdiran unha vez máis as nosas diferencias, coidei que non era o sitio apropiado de rebatela súa postura, xa que para nada concordo coa súa acusación.

Para min este abandono ten outras connotacións moito máis complexas. Fai uns anos en Nebra esta arbore era máis ben residual, e de haber épocas do ano nas que non había onde apañar un feixe de batume, tanto en agros coma no monte, pasouse a principios dos 90 a te-la comunidade que comezar a pagar para rozalo. Se non se fixo antes foi por estar inmersa nunha demanda.

Os da miña época e por suposto os maiores, lembran que antes o batume tiña moitos usos, xa que con el estrábanse as cortes, «asfaltábanse as corredoiras» e usábase como leña «toxo, codeso ou xestas». Se a isto lle engadimos que o traballo remunerado era máis ben escaso «moita xente traballaba como xornaleiros só pola comida e poder levar un cacho de boroa para a casa»; que nestas había máis xente que hoxe; que cada veciño tiña como mínimo unha vaca, a maioría dúas, e incluso os había con tres ou catro, podemos darnos unha idea do batume que se extraia. Un veciño conta a anécdota de cando vivía seu avó, tódolos anos era unha obriga ir a el a Xamiñón, xusto ao outro día da romaría do Loreto.

Moita xente da idade de meu pai cando viñan da festa ou de mocear, tiñan que collelo carro e tirar para o monte sen pisala cama. Principalmente foi esta xeración a que unha vez que formaron unha familia, comezaron a buscarse outro xeito de vida, buscando un oficio remunerado na pesca, na mercante e algúns emigrando a outros países como se fixera a principios do século XX. Así foi como cada vez nas casas comezou a quedar menos xente, e polo tanto, menos man de obra. Se a isto lle engadimos que se comezaron a lousalas corredoiras, que a leña dou paso ao butano e tal e como dixo D. Fuco Barreiro Carracedo, Presidente de Monte Cabalar S. Coop. Galega, o nitramón veu a substituír ao toxo, as matemáticas non fallan.

Unha historia de miseria

Os vídeos non son de boa calidade, pero o importante é a mensaxe.









No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.