jueves, 5 de mayo de 2011

Non estou tan solo

As comunidades de montes defenden a xestión de cabalos soltos no monte veciñal de xeito controlado e racional.

Agardo que cando rematen coa lectura desta nota de prensa, algunha xente se decate que a miña persistencia ante as críticas contra o uso ilegal dos peches, non é nada persoal contra os directivos ou os gandeiros. Só veño reclamando, iso si, con meses de antelación, o mesmo que fixeron onte os representantes de tantas comunidades de montes de Pontevedra: que se respecten os dereitos dos comuneiros coma propietarios do monte. Eles reclámanllo como debe ser, á Consellería do Medio Rural, eu, á Xunta Reitora.
A Organización Galega de Comunidades de Montes e as Mancomunidades de Montes de Pontevedra, Ponte Caldelas, Monte Castrove, Morrazo, Redondela e Val Miñor, reunidas en Pontevedra a día de hoxe, mércores 4 de maio, en relación coa polémica xurdida en días pasados sobre a negativa dos propietarios de cabalos soltos de dotalos dun chip de identificación, segundo a lexislación vixente, emiten o seguinte comunicado:

1- Tanto a ORGACCMM como as Mancomunidades da provincia de Pontevedra defenden a presenza de gando equino nos montes veciñais, por considerala beneficiosa para o control do mato e a prevención de incendios forestais. Esta presenza debe cumprir todas as condicións ás que obriga a lexislación actual e aconsella a xestión racional: debe contar co correspondente plan de explotación no que se especifiquen as parcelas dedicadas a este recurso, a carga gandeira de cada unha, o establecemento de pastos de tempada e outras características. Este plan de explotación debe estar visado pola administración pública, formará parte do Plan de Ordenación dos Montes e ten que ser aprobado polas Asembleas Xerais das comunidades de montes afectadas.

2- Tanto a ORGACCMM como as Mancomunidades da provincia de Pontevedra apoian as iniciativas de explotación silvo-pastoril (combinación integrada de usos forestais e gandeiros) ou outros modelos de explotación do gando no monte que signifiquen un avance na súa xestión económica, social e ecolóxica, a posta en valor dos terreos veciñais e unha mellora na calidade de vida dos veciños. Nos últimos anos foron aparecendo por toda Galicia iniciativas promovidas por comunidades de montes, asociación de propietarios de cabalos e particulares, que están desenvolvendo proxectos como a xestión do gando cabalar con fins turísticos, terapéuticos, educativos, recreativos, de producción cárnica, de mellora xenética, de investigación científica, etc. O agrupamento dos gandeiros en asociacións, os acordos coas comunidades de montes e a elaboración dos plans de explotación son pasos indispensables cara a unha xestión racional deste recurso.

3- A provisión dun chip electrónico a cada animal, ou calquera outro medio que realice esta función, é un paso indispensable para esa xestión racional e sustentable, pois permite ter o gando identificado, controlado e saneado. O uso deste chip ven regulado polo Decreto 268/2008, do 13 de Novembro, polo que se establecen as normas, o rexistro e a identificación dos animais equinos.

4- O comunicado difundido polas asociacións de propietarios de cabalos A Groba, Serra do Suído, O Castrove, Monte Acival, A Valga, Monte Galiñeiro e Morgadáns, reunidos o pasado 22 de abril, no que ameazaban con non celebrar os curros se a Xunta de Galicia lles obriga a implantar o chip nos seus cabalos causou decepción, malestar e mesmo indignación nas comunidades de montes afectadas. Non entenden que as citadas asociacións de propietarios de cabalos, que deberían promover entre os seus asociados a realización de proxectos que modernicen ao sector e que deberían encabezar iniciativas de entendemento coas comunidades de montes para a mellora da explotación dos recursos do monte e a obtención de subvencións das administracións públicas, dean cobertura e protección a propietarios de gando cabalar (que non se poden chamar gandeiros) que se distinguen xustamente polo contrario: ausencia case total de xestión do gando, abandono dos animais, maltrato animal, etc; co conseguinte descontrol da cabana que provoca danos moitas veces cuantiosos en montes e cultivos, e accidentes de tráfico.

5- A información aparecida na prensa sobre a reunión do Conselleiro de Medio Rural con estas asociacións de propietarios de cabalos tamén é decepciónante. Unha vez mais, a Xunta de Galicia volve a permitir o movemento ilegal de gando, o incumprimento da lei e a impunidade dos causantes de danos importantes nos montes. Unha vez máis o Conselleiro de Medio Rural trata cos propietarios dos cabalos soltos da súa problemática sen requirir a presenza das comunidades de montes, propietarias dos terreos onde se crían os animais, por máis que sexa sabedor de que non pode haber gando no monte sen autorización dos comuneiros e de que son eles os únicos propietarios dos recursos gandeiros dos montes veciñais. Unha vez máis a Consellería de Medio Rural amosa o seu desprezo e a súa incompetencia cara o monte veciñal e as comunidades de montes.

6- Proba do anterior é que o Conselleiro de Medio Rural chega a acordos cos propietarios do gando ilegal e non trata o tema cos propietarios do recurso (os pastos), que son as comunidades de montes. Aínda máis negativo e absurdo é que as axudas para a prevención de incendios subvencionan a limpeza de monte raso, favorecendo a este gando, e non o desbroce de masas arboradas. Parece clara a política de desordenar os usos do monte que favoreza o seu abandono, paso previo á súa privatización.
Aquí, como máximo responsable da comunidade, é o presidente o que presuntamente trata e chegou a acordos cos propietarios dos cabalos sen contar coa presenza «nunha asemblea xeral» dos comuneiros propietarios dos terreos e dos peches. É tan difícil de entender isto?
Teño que supoñer tamén que ningún outro directivo ou vogal é sabedor que non pode haber gando neses peches sen autorización dos comuneiros?. A min tamén me leva a pensar que a Xunta Reitora amosa o seu desprezo cara ó monte e comuneiros.
7- Non é certo que o problema principal para a protesta destas asociacións sexa o prezo do chip, que en ningún caso custaría 40 €, como din. O anterior goberno bipartito ofreceu subvencións do 90 % (co cal o chip custaría 4 €), que mantivo o goberno actual ata o pasado ano, cunha acollida moi minoritaria dos propietarios dos cabalos. Este ano a subvención é do 75 % e a acollida segue sendo minoritaria. Xa que logo, o prezo do chip non é a causa real da protesta.

8- A verdadeira causa da negativa a implantar o chip nos cabalos que teñen no monte é o control que se podería establecer sobre esta cabana que está na súa maior parte ilegal e somerxida, que moitas veces está abandonada e que provoca anualmente danos superiores ao do seu valor económico.

9- Esta cabana está ilegal porque a día de hoxe hai un importante corpus lexislativo que establece a obriga de contar coa autorización dos propietarios do terreo para ter gando no monte. Especificamente a Lei 3/2007, de prevención e defensa dos incendios forestais, establece no seu artigo 41 que: «a persoa física ou xurídica titular do monte é a propietaria dos aproveitamentos forestais producidos nel, nos que se inclúen os pastos» A explotación destes pastos deberá estar expresamente incluída no plan de ordenación do monte. Actualmente, soamente unha mínima parte do gando solto no monte conta co necesario acordo coa comunidade de montes propietaria dos terreos e aínda máis pequena é a parte do gando solto que conta con plan de explotación. Xa que logo, a gran maioría dos cabalos soltos no monte é gando ilegal.
Mentres non se revogue o único acordo legalmente aprobado nunha asemblea, asinado pola comunidade cos gandeiros e auspiciado pola Xunta de Galicia, a única zona autorizada para o pastoreo é o monte alto.
O problema é cando se antepón o carros aos bois ou comprobamos que hai xente que pasa as normas, os estatutos e as leis por onde lle peta. Así foi como antes de someterse ao ditame da asemblea xeral para solicitalo aproveitamento do pasto no monte baixo, se puxeron a facer peches con e sen permiso dos comuneiros.
10- O argumento esgrimido polos propietarios de cabalos para manter esta situación ilegal de que é un aproveitamento tradicional dos montes de Galicia e que sempre se fixo así, é un argumento falso. A situación actual nunca se deu tradicionalmente en Galicia. Nalgunhas comarcas era tradicional o pasto con gando solto nos montes, pero sempre identificado e controlado, pois o proceso de identificación facíase precisamente nos curros. Hoxe dáse o caso paradoxal de que os cabalos marcados nos curros, cando provocan danos en cultivos, non son recoñecidos polos propietarios, malia a teren claras as marcas. ¿Como se chama aquel que di ignorar as marcas dos cabalos que causan danos para encubrirse ou encubrir a outro propietario?

11- Tampouco tradicionalmente se producían os danos actuais, que son cuantiosos en montes e cultivos de particulares. Soamente nos últimos anos, nas comarcas onde pastan os cabalos ceibes das anteriores asociacións, causaron danos por valor de varios millóns de euros nas plantacións forestais realizadas polas comunidades de montes con fondos propios e subvencións, ademais dos danos nos cultivos de particulares. Deste danos, soamente foi restituída unha pequena parte dos causados aos particulares, quedando os demais impunes. A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da Provincia de Pontevedra consideran que as asociacións de propietarios de cabalos queren manter esta situación coas súas ameazas e protestas, pois a implantación do chip permitirá a identificación dos propietarios dos cabalos causantes dos danos por parte da Garda Civil e dos fiscais na colocación de pexas e trancas.

12- Estes propietarios pretenden continuar con esta situación ilegal, inxusta e insustentable. Pretenden que os cabalos sigan vivindo do que haxa no monte, sen proxecto nin investimento ningún, mentres comuneiros e particulares teñen que apandar cos importantes danos que periodicamente provoca a súa falta de xestión. Pretenden tamén que as comunidades de montes, que son as que poñen os recursos e case nunca obteñen ningún beneficio, corran cos gastos dos accidentes de tráfico provocados pola mala xestión destes cabalos soltos. Son eles, coas súas posturas irracionais, os que están a provocar a desaparición dos gando solto no monte.
Aquí xa non é que o pretendan, é a comunidade a que por deixamento de responsabilidade dos comuneiros, apanda con tódolos gastos. Así é como pagamos integramente por facelos peches e mantelos, por dotalos de auga corrente, etc. Ante a falta de calquera información por parte dos directivos, os diversos propietarios que nalgún intre tiveron alí animais, fixeron un aproveitamento dos nosos "pastos" e tivéronos en todo momento controlados, sen gastar ren.
13- A súa negativa a identificar os seus cabalos levounos a desprezar as xenerosas subvencións que a Xunta de Galicia ofreceu no 2008 para a colocación dos chips electrónicos, a produción cárnica, actividades de lecer, turísticas, terapéuticas, educativas e de investigación científica. Todo para non facerse responsables dos danos que causan os seus cabalos por culpa da súa falta de xestión. Mesmo actualmente non queren aproveitar as axudas que teñen accesibles a través do programa Leader 2007/2013 da Unión Europea.

14- A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da Provincia de Pontevedra seguirán perseguindo este gando ilegal que lles causa tantos danos e lles impide a xestión integrada e a posta en valor dos montes veciñais, e denunciando aos propietarios destes cabalos (non son gandeiros, son outra cousa) ante as forzas de seguridade e os tribunais por prácticas depredadoras que saquean os recursos do monte dun xeito contrario a calquera xestión sustentable. Ao mesmo tempo, declaran seguir abertos a establecer o diálogo a todos aquelas asociacións cabalares que queiran regularizar e legalizar a situación dos seus animais e establecer plans de explotación beneficiosas para todas as partes.

15- A Xunta de Galicia ten as competencias na ordenación dos usos do monte e debe esixir a identificación do gando solto. Vista a postura contraditoria da Consellería de Medio Rural sobre a implantación do chip, solicitarase unha entrevista urxente co Conselleiro para coñecer a posición da Xunta de Galicia sobre o tema e as medidas a tomar para o cumprimento da legalidade vixente.

16- A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da provincia de Pontevedra promoverán, na reforma lexislativa dos montes que prepara a Xunta de Galicia, a inclusión da obriga de que todo o gando solto que estea no monte veciñal debe estar identificado e saneado, ademais de autorizado pola comunidade titular das terras. Ademais debe especificarse que o gando que non estea regularizado, previa denuncia dos propietarios das terras, deben ser retirado do monte pola Consellería de Medio Rural.


Fonte orixinal: Monte Pituco
Coido que sería bo que fixesen súa esta proposta moitas máis Mancomunidades e Comunidades de Montes. Nebra ademais de ser estar na Organización Galega de Comunidades de Montes, tamén o esta na Mancomunidade de Montes da Serra do Barbanza, pero a pesar de que están aí para asesorarnos, ollase que vamos demasiado por libres. Eu dende logo subscribo integramente este comunicado e considero que xestionado con sentido, todos sairiamos gañando: comuneiros, gandeiros, montes e animais.

No hay comentarios: