sábado, 17 de septiembre de 2011

Apertándolles de novo a torca

Mentres o Concello de Noia loita por acadar un xusto prezo polos terreos que por mor da variante lles son expropiados, que me parece moi ben, aquí, como xa teño denunciado, Medio Rural e algúns directivos a meu pai non lle deron nin a mínima oportunidade e atravesáronlle o agro a pracer con unha pista, con nocturnidade e aleivosía. No caso de Noia é unha obra declarada de interese público, neste, foi unha cacicada, aínda que dita verba non lle guste ao principal culpable.

Xa sei que por moi repetitivo que sexa con este tema, non vou conseguir nada, pero váleme de vez en cando para lembrarlles aos causantes da desfeita que hai algo máis que ir de prepotentes e "fachendosos" pola vida.

A foto de hoxe nada ten que ver coa pista de referencia, nin moito menos con Nebra, pero é doutro agro da nosa propiedade onde cada pouco tempo os campistas "campan" ás súas anchas sen que de momentos as autoridades lle saiban poñer couto.
O Concello de Noia recorreu ao Xurado de Expropiación de Galicia o prezo fixado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para expropiar un terreo municipal en Carballiños (A Barquiña) por onde pasa o trazado da variante. A Administración autonómica había acordado abonar 123,59 euros por metro cadrado e o Concello pide que o organismo dependente da Xunta revise esa taxación e increméntea até os 358,27 euros por metro, segundo explicou onte o goberno local nunha nota.

Así mesmo, sinalou que o recurso vai dirixido en dúas direccións. A primeira delas fai referencia ao xusto prezo ofertado pola Xunta, e a segunda, á petición da expropiación de 973 metros cadrados, deixando os 580 metros restantes da parcela en poder do Concello, "pero que xa non terían utilidade algunha, xa que ficarían afectados pola franxa de servidume de protección da futura estrada".

A Administración galega ofrece polos terreos expropiados, que se destinaban a unha escola infantil, 126.489,56 euros, mentres que o Concello noiés valora a parcela total en 553.365,92 euros. O goberno municipal subliñou que co ánimo de manter unha correcta colaboración entre administracións asumiu o prezo máis baixo dos criterios dos que dispuña para valorar a leira, "non tentando lucrarse dá expropiación". O Concello baseou a taxación na valoración feita pola xunta de compensación cando se desenvolveu a unidade de actuación número 11.
Fonte: El Correo Gallego

No hay comentarios: