martes, 11 de octubre de 2011

Que gañan con isto?


Demasiadas veces a prensa achéganos cousas sen sentido coma esta. Se hai algunha discrepancia no seo desta ou doutra a comunidade, non é mellor loitar de fronte que de costas?. Con esta actitude o único que conseguen os que causaron esta desfeita, é que se tiñan algo de razón, pérdena toda e o que é peor, ao final perden todos.
Sabotean o proxecto de produción de carne ecolóxica dos comuneiros de Viladesuso.
Uns descoñecidos esnaquizan de madrugada o valado do recinto de 130 hectáreas, onde se controlaban 50 vacas de monte.

O proxecto de produción de carne ecolóxica de tenreira e poldro baixo a marca "Sobreiras do Faro" que a comunidade de montes de Viladesuso e a asociación de gandeiros da zona puxeron en marcha nos últimos meses sufriu este fin de semana un grave contratempo. Uns descoñecidos esnaquizaron o peche perimetral do recinto onde os promotores da iniciativa gardaban xa 50 vacas. O presidente da sociedade mancomunada desta parroquia do municipio de Oia, Rafael Lomba, que denunciou onte mesmo os feitos ante a Garda Civil, calcula as perdas económicas dos danos en 50.000 euros.

Todo ocorreu a madrugada do domingo no alto do monte Areeiro, onde comuneiros e gandeiros habilitaron un recinto de 130 hectáreas pechado con estacas de madeira e cable metálico. Os autores dos danos actuaron entre o nove da noite do sábado e o nove da mañá do domingo, segundo testemuñan gandeiros que visitaron o lugar para controlar as cabezas de gando, e romperon o cabreado ao longo de algo máis de 1.500 metros de peche. En total, inutilizaron 9.000 metros de arame e esnaquizaron varias cancelas que dan acceso ao espazo.

A comunidade de montes investira 60.000 euros no valado cunha subvención de 30.000 da Consellería de Medio Rural, segundo sinala Rafael Lomba. Agora veranse obrigados a repolo con fondos propios e deberán atrasar o desenvolvemento doutros proxectos como o Espazo Privado de Interese Natural (EPIN) Sobreiras do Faro, recentemente aberto ao público.

O peche danado non só daba servizo ao gando destinado á súa comercialización, senón que tamén servía para manter as reses baixo control e evitar o seu acceso a zonas poboadas causando danos en leiras particulares ou accidentes de tráfico.
Fonte orixinal: Faro de Vigo

No hay comentarios: