jueves, 19 de enero de 2012

Cabalos e monte

Poldros para súa venda na feira da Pascua-Padrón
Cabalos en liberdade nos chans do Barbanza
Ninguén pode negala importante función que realizan hoxe en día os animais controlando o mato no monte, xa pasten en semiliberdade, ovellas e cabras, ou en liberdade, vacas e equinos.

Con respecto ós equinos, hasta o ano 2008 non había unha norma escrita para o seu correcto rexistro e identificación. O único medio identificador que usaban os gandeiros era o ferro ou unha marca na orella, de ahi que a Xunta de Galicia, baixo o goberno do bipartito sacase unha: Decreto 268/2008, do 13 de novembro, polo que se establecen as normas que regulan o rexistro e identificación dos animais equinos, as medidas básicas para a ordenación zootécnica e sanitaria das explotacións equinas, as paradas de sementais equinos co servizo a terceiras persoas e se crea o Rexistro Galego de Explotacións Equinas.

Lamentablemente, con algunhas pequenas excepcións, os burócratas meteron no mesmo lote ós de crianza e rendemento cos que viven en estado salvaxe ou semisalvaxe. Isto non é unha opinión persoal, se non que é o que opinan diversas agrupacións e colectivos. Por exemplo, algúns dos gandeiros do Barbanza cos que tratei non se opoñen á colocación do microchip, se non que piden que os poldros, xeralmente os machos, cuxo destino final sexa o matadoiro sexan excluídos, xa que o custo do transponder supera na maioría dos casos o prezo do animal.

Entre unhas cousas e outras, baixa demográfica sobre todo, no Barbanza cada vez hai menos gandeiros e dende logo non seria nada desexable que algún día desaparecera parte da rica cabana gandeira que hoxe aínda queda, porque igual conleva consigo a morte do monte.
Seguen as novas na prensa co tema de fondo dos cabalos salvaxes. Está comprobado que a imposición do microchip non vai a rematar cos problemas e que hai que sentarse a facer un regulamento que teña en conta todas as circunstancias que se poden dar. Si todo o mundo fala das bondades do "traballo" dos cabalos salvaxes facendo de desbrozadores naturais, do seu valor ecolóxico e etnográfico, por que non se escoita a xente que pode aportar ideas e solucións e se elabora un novo decreto que teña en conta os puntos necesarios para acabar cos enfrontamentos entre comuneiros, propietarios e ecoloxístas.

Si de nos dependera, poríamos nun papel unha lista de problemas; noutra ringleira, unha lista de avantaxes, e despois de dialogar coas xentes que saben dos cabalos do monte e a administración, elaborar outra lista de posibles solucións, valorando o como, cando donde e de que xeito, e os custos.

Seguro que entre todos remataríamos atopando solucións satisfactorias para todos.
Fonte orixinal: SOS Groba
Os produtores de gando equino criado en liberdade advirten que o sistema de identificación imposto pola lexislación galega está a minar un sector con posibilidades de futuro. Segundo explicou onte o responsable da cooperativa estradense Monte Cabalar, Fuco Barreiro, a lexislación non fai distinción entre o gando equino de carácter doméstico e a gandaría equina extensiva.

A lei obriga a identificar cun microchip a todos os animais. O custo conxunto dos trámites necesarios para implantar o microchip ascende a 40 euros. «Os custos por identificación son moitas veces superiores ós do propio animal», lamenta Fuco Barreiro.

O responsable da cooperativa está de acordo en que a identificación das reses é necesaria, pero pon en dúbida a idoneidade do sistema. Segundo explica, o custo da implantación dun microchip non debería superar o cinco euros. Prezos similares eran os que pagaba Monte Cabalar por identificar as súas reses desde o 2007, cando aínda non se impuxo o sistema actual. Desde entón, «o exceso burocrático e a mediación do Colexio de Veterinarios» elevou o prezo de identificación até os 40 euros por animal.

Fuco Barreiro lembra que a carne de poldro, en fresco, aínda non ten mercado en Galicia. Explica que os prezos que se pagan por un animal son irregulares. «Pode que non se venda ou que se venda en lotes a 40 ou 50 euros. Un poldro por máis de 60 euros considérase moi ben pagado», indica.

Os elevados custos de identificación e o escaso rendemento no mercado obrigaron a moitos gandeiros a desfacerse das súas cabanas. «Os custes están provocando unha reducción do número de cabezas, que están sendo malvendidas ou sacrificadas. Estanse a sacrificar eguas reproductoras», asegura.

Prevención de incendios

O responsable da cooperativa cre que os efectos desta situación son graves, xa que o gando en liberdade ten unha importante función no control da biomasa forestal para previr os incendios.

O BNG estradense presentou onte unha moción na que solicita ao Concello que reclame unha modificación da orde que regula o gando equino para que esta diferencie entre cabalo de compañía e équidos destinados á produción. O edil Xosé Magariños lembrou os beneficios do gando en liberdade para a sustentabilidade do ecosistema. Pediu que o custo de identificación dos cabalos de monte sexa similar ao do gando vacún para que poida ser asumible polos gandeiros. Magariños confiou en obter o respaldo de PSOE e PP para sacar adiante a moción. Namentres, a cooperativa Monte Cabalar busca fórmulas para íntentar sacar rendemento ao seu traballo. Neste momento conta con 100 eguas. Apenas vende carne en cru. Dedícase á transformación co obxectivo de conseguir 100 euros por poldro. Está a ampliar a carteira de clientes e a distrubución dos seus embutidos de poldro.
Fonte orixinal: La Voz de Deza

No hay comentarios: