jueves, 12 de enero de 2012

Sempre haberá quen poña trabas no camiño

Dous traballadores da comunidade de montes reparaban onte un dos portais do peche roto. // N.P.
Digo eu, a quen pode molestar que unha comunidade de montes e uns gandeiros, cumprindo tódolos requisitos legais, se poñan de acordo en explotar do mellor xeito o monte e a súa gandería?

Desta noticia ademais de repudiar estes feitos, quedome con un dato que descoñecía e que aporta o presidente da comunidade de montes de Viladesuso: Lomba insiste en que os comuneiros son os responsables últimos dos danos que poidan causar os animais, no caso de que non aparezan os seus donos ou non se atopen debidamente identificados, porque habitan nos seus terreos.
Viladesuso expulsa aos cabalos de seu monte. A decisión responde á "falta de seguridade" tras aparecer roto o peche que acouta a 100 equinos e a 50 vacas en 130 hectáreas.

Os gandeiros da comarca miñorana que dispoñan de cabalos nas 500 hectáreas de monte da parroquia de Viladesuso, en Oia, terán que levar as súas reses a outra parte antes de que termine esta semana. Así llo esixe a comunidade de montes da zona por razóns de "seguridade". O recinto habilitado polos comuneiros para o desenvolvemento dun proxecto de explotación de carne ecolóxica sufriu o pasado fin de semana un novo atentado e o peche metálico quedou esnaquizado en varios tramos, polo que o gando que pastaba no seu interior pode saír da zona acoutada e causar accidentes de tráfico ou desfeitas en leiras particulares.

Un centenar de equinos criados en liberdade e unhas cincuenta vacas pastan no recinto, pero son os cabalos -tamén denominados "burricanas"- os que comportan máis riscos, segundo explica o presidente da comunidade de montes de Viladesuso, Rafael Lomba, quen comunicou o luns aos gandeiros que debían desaloxar ás reses dos montes da parroquia. "Lamentámolo moito, pero temos que pedirlles que os retiren porque se trata dunha cuestión de seguridade pública. Nós temos que velar polos intereses da comunidade e sen un peche en condicións non podemos garantir a seguridade dos veciños, as súas propiedades e as persoas que pasen por aquí cos seus vehículos", explica.

Microchip necesario

Lomba insiste en que os comuneiros son os responsables últimos dos danos que poidan causar os animais, no caso de que non aparezan os seus donos ou non se atopen debidamente identificados, porque habitan nos seus terreos. O asunto lembra a polémica do microchip que a Xunta pretende implantar nos animais para asegurar a súa identificación, un dispositivo que os comuneiros consideran "necesario" para dirimir responsabilidades en caso de incidencias.

En calquera caso, sinala Lomba, a expulsión dos cabalos é provisional. En canto se repare o peche, as investigacións permitan dar cos responsables da súa ruptura e póidase garantir que as "burricanas" volvan ao monte de forma segura, regresarán.

As vacas poderán quedar porque a súa mobilidade é menor. O presidente da asociación de gandeiros de vacún da zona, Eugenio Portela, asegura que os donos das reses acoden cada día á zona para controlalas.

Mentres tanto, os propietarios prepáranse para conducir este sábado aos cabalos a outros lugares. O difícil será lograr que non regresen aos seus pastos de orixe, segundo explican gandeiros da contorna, dispostos a cumprir coas esixencias da comunidade de montes de Viladesuso, aínda que non as compartan. O presidente da asociación de gandeiros de cabalos da Groba, Modesto Domínguez, espera que a situación non se estenda a outras sociedades mancomunadas, xa que "podería provocar unha auténtica guerra entre comuneiros e propietarios de cabalos".
Fonte: Faro de Vigo

No hay comentarios: