sábado, 31 de marzo de 2012

Reforestacións turbias?

De novo aproveito este caso que se esta investigando por Terras de Soneira para elaborar esta entrada. Primeiro quero puntualizar que non tiña coñecemento de que se os traballos desta natureza superan os 30 mil euros, segundo a normativa, é preciso que concorran á oferta tres empresas. Digo isto, porque non teño constancia de que en Nebra se acate isto e coido que se fixeron varias plantacións onde se superaron esas cantidades. Unha delas incluso como xa teño dito, sen estar conformada a Xunta Reitora, porque aínda non había sido elixidos os vogais e asinouna só o presidente co visto e prace dos restantes directivos -2- e a miña ausencia por motivos laborais en Madrid.

O segundo apuntamento é que vexo que neste caso o BNG si se molla, todo o contrario de cando Medio Rural estaba nas súas mans e con outra subvención ou fondos da propia Consellería, abriron unha pista cruzando propiedades privadas e levando por diante todo o arborado que había. Daquela eles tampouco tiveron a decencia de contestar a quen con acuse de recibo lles pediu unha explicación. Esta é a dobre moral da nosa caste política.
A trama das subvencións de reforestación xestionadas dun modo supostamente fraudulento, na que está imputado o empresario vimiancés Manuel Maceiras Hermida, non para de medrar.

Ao longo dos últimas días presentáronse outra decena de denuncias por parte de afectados do concello de Dumbría, que do mesmo xeito que nos casos anteriores argumentan que eles non asinaron autorización algunha para proceder á plantación dos terreos e que, ademais, na inmensa maioría dos casos non son os propietarios das leiras que aparecen ao seu nome nos expedientes.

De igual modo, sinalan que as rúbricas das declaracións xuradas, en virtude das cales figuran como donos dos terreos, tampouco foron feitas por eles, co que entenden que alguén falseou a súa identidade para tramitar as axudas diante da Xunta.

Xunto aos casos de Dumbría, esta mesma semana, un grupo de veciños do concello de Muxía, tamén na Costa da Morte, tiveron acceso aos expedientes nos que figuran como titulares de parcelas forestais.

Polo momento, os supostos afectados están a revisar a documentación para descubrir se a Xunta chegou a anular algúns dos casos na fase de tramitación e pór os restantes en coñecemento do xuíz de Corcubión que investiga o sucedido.

Só nesta zona do concello de Muxía hai polo menos cinco agrupacións de propietarios, con máis dunha decena de integrantes cada unha, que no caso de que se demostre que foron constituídas e xestionadas de xeito fraudulento sumarían outro medio centenar de persoas á lista de presuntos damnificados.

Os traballos consignados para plantación e roza deses montes oscilan entre os 50.000 e os 60.000 euros, polo que a cantidade de diñeiro recibida dos fondos de axuda ao desenvolvemento rural podería chegar aos 300.000 euros.

Para a realización destes labores, ao superar o importe de 30.000 euros, na maioría dos casos xa denunciados presentáronse ofertas de tres empresas diferentes tal como marca a normativa. Dúas delas están rexistradas a nome do empresario e da súa dona mentres que a terceira, allea á familia, nunca ofreceu o orzamento máis baixo e, polo tanto, tampouco resultou gañadora de concurso algún.

Deste xeito, os traballos -tanto os que efectivamente levaron a cabo, como os que segundo os afectados non chegaron a facerse- corrían a cargo das compañías de Maceiras.

Os pagamentos desas facturas saían de varias contas abertas en polo menos tres entidades bancarias, nas que o propio industrial figuraba como un dos titulares. Con todo, as persoas que asinaban eses desembolsos aseguran que non tiñan sequera constancia de abrir depósito algún nos bancos citados.

Unha representación dos denunciantes puxo as supostas irregularidades en coñecemento dos máximos responsables de Medio Rural en outubro do ano pasado. A través dunha carta para o entón conselleiro, Samuel Juárez, e para o director xeral, Jorge Atán, rexistrada o 11 dese mes, os propietarios que descubriron as primeiras anomalías instáronlles a tomar medidas antes de recorrer á vía xudicial. Ademais, o BNG, a través da súa deputada Tareixa Paz formulou tres preguntas relativas a este asunto que aínda non tiveron resposta.

Fontes de Medio Rural sinalaron que é un asunto baixo investigación xudicial, e a Xunta non fará manifestacións públicas ata que se resolva. Para Gabriel López, do sindicato Fruga, este silencio «está a provocar malestar entre os afectados porque dá a impresión de que queren ocultar algo».
Fonte orixinal: La Voz de Galicia

No hay comentarios: