martes, 3 de abril de 2012

Carta a un compañeiro brigadista forestal

Higinio Vivas López D.E.P
Emotiva carta de Xosé Santos Otero, axente forestal, ao seu compañeiro Higinio Vivas López, a última vítima por mor do incendio forestal nos montes de Piornedo, Servoi e Fontefría.

Na loita contra o lume non hai políticos, nin bandeiras, só hai persoas abnegadas que loitan polo que é de todos, e que saben que en calquera momento poden pagalo coa súa vida. Diranme que é o seu traballo e que cobran por ilo, é certo, máis tamén o é que calquera político multiplica con creces a súa nómina e xa ollamos ás veces o baleiras que están as súas cadeiras no Parlamento galego, español, resto de comunidades e incluso no europeo.

Como dixen na entrada que precede -en realidade ía ser esta, pero modifiqueina a raíz das bandeiras e manipulación nas concentracións de onte-, moitos voluntarios e voluntarias tamén loitamos algunha vez contra o lume e sen cobrar ren. Algún mesmo o pagou ben caro: Muere un hombre en las labores de extinción de un incendio en Campo Lameiro
Hai cartas que a un nunca lle gustaría ter que escribir por que non é doada entender a morte, moito menos cando se producen nas circunstancias na que te buscou a ti, hai feitos que ogallá nunca máis acontezan, mais, os forestais sabemos ben que cando se produce un incendio o primeiro combustible é un mesmo e por desgraza os montes de Galicia seguirán sumando máis vítimas.

Higinio Vivas López, era un amante do monte, deixáchenos leccións de honradez, compañeirismo, solidariedade cos seus veciños, humildade, compromiso…un raiano de nacemento e espírito, o día da túa despedida en Espiño (Oímbra) estaban amigos do outro lado desa Raia imaxinaria que para os desta zona nunca foi fronteira, unha demostración máis da túa grande humanidade.

Hixinio adicou a súa vida a plantar árbores no Val de Monterrei, na Serra de Meda, na Serra do Larouco, en Penas Libres… e a apagar incendios en Galicia, integrante dende o 1996 da Brigada forestal de Infesta “foisenos un gran compañeiro, un dos mellores” era o laio máis repetido polos compañeiros da túa brigada e maila brigada de Matamá, que estiveron contigo no último incendio que intentaches apagar en Castrelo do Val, o xogo da ruleta rusa a que a cotío nos enfrentamos fixo que che tocara a ti.

Onte enterramos a Hixinio en Espiño (28-03-2012), hoxe voltaba a arder en Fornelos de Montes, unha vez máis o fedor funesto do monte calcinado xungue aos extremos deste pequeno país, unha terra que arde en silencio, un país calcinado na que os seus gobernantes esfórzanse máis en agochar a realidade que en atopar solucións para rematar coa impunidade coa que actúan os incendiarios, en rematar cun cancro enquistado, hoxe xa convertido nunha metástase a que a sociedade lle dá as costas, gobernantes e sociedade incapaces e incompetentes que non valoran, por tanta mentira e engano premeditado, o traballo dos servidores públicos forestais como o compañeiro Higinio Vivas López.

Hixinio “a loucura é seguir facendo o mesmo e esperar resultados diferentes” escribo no meu nome, mais estou seguro que tódolos compañeiros hoxe están dacordo comigo. O monte foi a túa vida, o monte é a nosa vida, na túa lembranza, na de Iñigo, na de Julio e Rodrigo, na de Diego, na de Antonio, na de José Luis, na de Miguel Ángel…perdóame por que xa son tantos que sin querelo seguro que me esquezo dalguén, a lembranza de tódolos compañeiros e compañeiras que teñen deixado as súas vidas na loita contra os incendios forestais, axudaranos, a pesares das grandes eivas de equipamento, medios e materiais, a seguir loitando na defensa dos ecosistemas forestais e en mudar a lamentable situación na que nos atopamos.

Como remate un berro de vellos forestais, Saúde e Monte!!!
Xosé Santos Otero, axente forestal

Recoméndolles estas dúas reflexións de fondo sobre os incendios en Galiza:

Os incendios forestais en Galiza

Los incendios forestales en Galicia se repiten año tras año

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.