martes, 3 de abril de 2012

Impunidade 0 contra os terroristas pirómanos


Ollar os incendios dende o Parlamento de Galiza ou sentados nunha cadeira fronte a unha televisión, un non ten nin remota idea da súa perigosidade e magnitude. Un lume non é tan doado de apagar como se olla nas películas. Iso sábeno perfectamente os que presuntamente se dedican a esa sinistra profesión e por iso non dubidan en buscar zonas onde facer o maior dano posible, sen importarlles o valor que teñan eses terreos.

Pasou agora coas Fragas do Eume, pero pasou antes noutras zonas. Un monte que arde é unha perda incalculable, porque leva por diante o esforzo e a esperanza de moita xente, toda fauna vertebrada e invertebrada que viva nel, e tamén poder levar vidas humanas como xa aconteceu demasiadas veces.

Os que loitan todos contra o lume, ou loitamos algunha vez, saben que dependen sobre todo de moita sorte e despois, de condicións que non podemos controlar: o vento que lles pode variar en milésimas de segundo; fume que non os deixa respirar nin ver; un golpe de calor; terreos abruptos; maleza que no mellor dos casos os supera en altura, e por se fose pouco, nalgunhas especies pirófilas coma o eucalipto, o lume pódelles pasar por riba.

Fíxense o que é a sorte. Nunha ocasión o meu fillo estaba traballando na cuadrilla da comunidade e de repente, o helicóptero seguramente por falta de coordinación, fixo a súa descarga dentro do perímetro onde se atopaba, con tan boa fortuna que dentro do que puido ser, non foi nada. Só se mangou un brazo, polo que tivo que estar uns días de baixa.

No meu caso loitei contra o lume en dous grandes incendios acontecidos na miña parroquia, sempre coma voluntario. A primeira vez foi a mediados dos 90 a carón da aldea Queiro, colaborando coa cuadrilla de Baroña. Desa ocasión gardo unha mala experiencia a pesar de que por mor do meu traballo teño feitos moitos exercicios contra o lume, pero sempre salta ese algo que non esperas. Unha paisana e máis eu tratamos de atallalo lume a carón dun camiño, parecía sumamente doado, pero de repente veuse contra nós tendo que fuxir. O aire era tan quente que así como corría ía pensando que no lograría pórme a salvo. Cando saímos do seu perímetro, xúrolles que a miña sensación era que se me habían queimado os pulmóns do aire tan quente que respirei. Cos nervios a flor de pel e tremendo máis que unha vara verde, tomei a decisión de marchar de alí. Pouco a pouco fóiseme pasando o susto e aínda quedei unhas horas máis hasta que se nos fixo de noite e logramos salvarlle unha leira de avea dun veciño.

A segunda vez foi no ano 2006. Este incendio foi claramente intencionado, xa que ollamos que comezou xusto a carón dunha pista. Dende que collín o coche da comunidade -dispón dun deposito para 400 litros de auga- para facerme cargo da cuadrilla hasta que o deixei, pasaron máis de dezaseis horas, a maior parte do tempo recibindo só a colaboración dos veciños de Calo e pouco máis, xa que o lume cercaba a aldea. Cando chegou a única motobomba que fixo acto de presencia, o lume por unha zona estaba fora de control e pola outra, fallaron os mandos.

Tratar de sacar de novo rendas políticas do lume como se leva facendo tantos anos, non me parece o mellor xeito de loitar contra esta lacra e defender esta Terra. Ningún dos tres partidos políticos que temos actualmente no Parlamento foi quen de pórlle remedio... salvo cando chove.

Dicíanos o mestre de Quintáns: non cuspades para arriba, que vos pode caer na cara. Aplíquense o conto señores.

Foto: Uxío Novoneyra Rei Así si
Foto: Rafael Cuiña Así, non

1 comentario:

Casía dijo...

¡Que desastre! en Asturias también estamos sitiados por el fuego, que pena que no se les quemen los dedos cuando hacen saltar la chispa del mechero