martes, 24 de abril de 2012

Máis leña!

Nada mellor que dar un paseo polo monte para comprobala diferenza abismal que existe entre un sotobosque e un eucaliptal. Para decatarse do grado de degradación do chan que causa este último non fai falla ser un experto. Outra consecuencia que traen consigo é que secan moitos mananciais alí onde xamais os houbo. Por patealo monte dende rapaz, coñecía a existencia de moitas destas fontes que agora apenas rebrotan en pleno inverno.

Non me parece ben que a Xunta de Galicia por primar a uns poucos, se cargue a Nosa Terra e o noso futuro e o das vindeiras xeracións.
A Consellería de Medio Rural está a elaborar unha orde para regular a creación de grandes plantacións de árbores e arbustos cos que abastecer as centrais de biomasa que o Goberno galego está a impulsar. Estes cultivos enerxéticos poderán alcanzar as 100 hectáreas no caso de especies foráneas, como o eucalipto ou a paulownia, e as 250 se se trata de frondosas, do tipo castaños e carballos. Os ecoloxistas claman polo que consideran unha "ameaza" para a biodiversidade e alertan de que pon en perigo as masas forestais autóctonas.

O borrador da orde, ao que tivo acceso EL PAÍS, foi presentado fai uns días ante a Mesa da Madeira, pero aínda non se expuxo ao público. No texto non se explicita a porcentaxe do territorio galego que poderían ocupar estas plantacións nin que zonas serían susceptibles de acollelas. Anxo F. Saborido, da Federación Ecoloxista Galega, estima que as 12 plantas de biomasa que tramita a Xunta desde o principio da lexislatura poden precisar unhas 800.000 toneladas de biomasa forestal para funcionar. Saborido censura o "escurantismo" co que a consellería está a levar esta cuestión, que só puxo en coñecemento dos sectores interesados, pero non do resto da sociedade.

A pesar de que na disposición legal fálase de que a creación de cultivos enerxéticos "que xa estaba prevista nun decreto do bipartito" vai na liña dunha política forestal sustentable e preventiva contra os incendios, tanto Saborido como a Organización Galega de Montes en Man Común (Orgammcc), sosteñen xusto o contrario. Vaticinan que estas plantacións basearanse en árbores de crecemento rápido, como os eucaliptos, para cortalos en catro anos e volver repoboar. Este uso intensivo "castiga biolóxicamente" o chan, en palabras do presidente da Orgammcc, José Pereira. Tampouco augura beneficios socioeconómicos para o medio rural, senón para as grandes empresas que xestionarán as plantas de biomasa. "Durará o que duren as primas á enerxía eléctrica, logo quedarán os montes abandonados", advirte.

Os ecoloxistas alertan do dano aos montes e a ameaza á biodiversidade

Ademais, Pereira prevé que as compañías interesadas "usurpen" monte comunal para estas plantacións a través dun mecanismo incluído na Lei de Montes, que o Parlamento aprobará nos próximos meses. Trátase dun artigo polo que a Xunta, se xulga que un monte en man común non está ben xestionado, pode forzar a ceder o seu aproveitamento a unha empresa privada. Con respecto aos incendios, Pereira lembra que unha das causas da onda de 2006 foi a gran cantidade de biomasa residual acumulada «non comparto do todo esta opinión, fallou todo o dispositivo contra incendios, porque en Nebra arderon montes recen rozados» e reprocha que con esta orde non se achega ningunha solución ao problema, máis aló de enuncialo "no preámbulo".

No borrador establécese que cada unha destas plantacións terá que contar cun plan de recuperación do terreo e outro de prevención de incendios. A Xunta poderá controlalas e inspeccionalas, para o que creará un rexistro. O Goberno pretende "relanzar" a produción enerxética da biomasa, que se quedou atrasada con respecto ás previsións de principios de século. "Non ten ningún sentido nun país excedentario enerxéticamente como Galicia", replica o presidente da organización de montes comunais

Fonte orixinal: El País.


No hay comentarios: