martes, 8 de mayo de 2012

Dous exemplos a ter en conta

As tres comunidades de montes de moañesas: Domaio, Meira e Moaña, descartan acollerse ao plan de fumigación de eucalipto exposto pola Consellería de Medio Rural para loitar contra a praga de gonypterus scutelatus que afecta a esta especie e impide o seu crecemento desde hai anos. Trátase dunha medida que moitos tachan de agresiva, pois colectivos ecoloxistas denunciaron que o Flufenoxuron, o composto químico que empregará a Xunta para acabar con esta epidemia, é tóxico e podería afectar a animais e mesmo a persoas. Desde as xuntas de montes locais non ven necesidade de acollerse a este plan e sinalan que levan anos nun proceso de substitución de especies para eliminar os eucaliptos, actuando mesmo contra os brotes, e plantando no seu lugar piñeiros. Onde se pode, mesmo recorren a especies frondosas como castaños e carballos.

O presidente de Domaio, Juan Santos, indica que "non se sabe o efecto que tería a fumigación incluso en cursos de auga", e lembra que desde os incendios do verán de 2006 tratan de resolver o problema directamente eliminado eucaliptos. "Xa replantamos outras especies en máis de 300 hectáreas" das 800 que compoñen o monte comunal da parroquia.

Tanto ao longo de 2011 como na actualidade, o proceso de substitución de especies están a levalo a cabo en puntos como Pedras Negras o Chan da Lagoa. En Chan de Grixó, por exemplo, os piñeiros xa teñen un tamaño considerable e atópanse en fase de poda. "Este ano actuaremos en máis zonas a medida que poidamos. Noutros puntos nacen de xeito natural eucaliptos e piñeiros, en canto os primeiros teñan un tamaño bo os cortaremos e trataremos de eliminalos", explica Santos. Os maiores problemas con esta praga prodúcense preto dos límites con montes particulares, que si teñen eucalipto infectado.

En Meira, onde aseguran non recibir o escrito da Xunta ofrecendo esta campaña de fumigación, tamén levan anos repoboando con piñeiros zonas de eucaliptos, como ocorre en Moaña. "Nalgúns puntos empregamos frondosas, pero ao ser terreos con pendente e moita pedra o piñeiro é o que mellor se adapta", indica o presidente dos comuneiros, Luís Lemos. Nesta parroquia a zona máis afectada era o terreo de A Moscosa, onde a comunidade de montes leva unha década traballando para por fin aos eucaliptos.

O traballo para eliminar os brotes desta especie é constante no tres casos.

Firmas contra a actuación en Lalín e A Estrada

As fumigacións aéreas que autoriza a Xunta poden afectar, sobre todo, ao monte de Lalín, A Estrada e Vila de Cruces. A propia Organización Galega de Comunidades de Montes participa nunha recollida de firmas para impedilo alertando dos efectos que tería a pesticida. Mesmo falan de que se verían afectados terreos incluídos na Rede Natura 2000.

Distinto é o camiño adoptado polas xuntas de montes locais. A de Moaña, por exemplo, pretende acabar de eliminar o eucalipto do Monte Agudelo este mesmo exercicio. Leva 15 anos sendo improdutivo pois a praga de gonypterus scutelatus ataca ás follas e impide o crecemento dos exemplares.

Parcelas de mostraxe na comarca

Segundo Juan Santos, o que si ven con bos ollos son outras iniciativas como a solta do parasito Anaphaes nitens, que a Xunta incrementou esta primavera. Coa solta de 1,2 millóns de individuos desta especie pretenden diminuír a praga de gurgullo do eucalipto. En O Morrazo localízanse varias das parcelas de mostraxe elixidas por Medio Rural para analizar a efectividade desta solución.

Fonte orixinal:
Faro de Vigo
Haber se é verdade, porque subindo de Pontedeume cara ás Pontes as masas de eucaliptos sobresaian sobre os arbores autóctonos. O resultado foi que os eucaliptos resultaron moito máis afectados polo lume, que a fraga en si. Medio Rural planea erradicar los eucaliptos de As Fragas do Eume

No hay comentarios: