jueves, 10 de mayo de 2012

Non se celebrarán curros este ano

ESTE DOMINGO NON HAI CURRO NA VALGA

Xa é oficial. Este ano non se vai celebrar no Val Miñor e Oia ningún curro de cabalos. Ante a negativa da Xunta de Galicia a negociar unha saída razoable para a identificación e control dos cabalos salvaxes, as asociacións de propietarios de cabalos do monte e os organizadores dos curros, decidiron non celebrar ningún curro este ano. O que xa víñamos comentando de que, de seguir cos plans da Xunta, a situación ía ir a peor, confírmase.

A non celebración dos curros de este ano supón, a máis dunha gran perda económica e patrimonial para moita xente, a perda dunha festa moi arraigada nas nosas xentes, que aínda en situacións peores, como as que se deron perante a guerra civil, foron quen de organizar os curros como sempre se fixera. Son moitos os que van botar de menos esta festa, mais lembremos que non só estamos a falar dunha festa, que como moitas outras da nosa terra, xurdiron do traballo colectivo dunha xente que aproveita para se divertir e para organizar tarefas necesarias para o colectivo que de outro xeito non se lograrían facer. As festas comunais, certas romarías ligadas aos ciclos das colleitas, vendimas, sementeiras etc, están aí dende hai centos de anos como o resultado dunha evolución progresiva no xeito de compartir tarefas e tamén alegrías, que necesitan de labor colectivo para se realizar. Agora, chegados a este punto do século XXI é unha administración que di velar polos intereses de todos, a que coa falla de diálogo e polo camiño da imposición, obriga aos organizadores dos curros e aos propietarios de cabalos, a tomar unha decisión moi dura para os intereses de todos, e máis para o patrimonio natural e cultural do noso país.

Non só van deixar de celebrarse os curros, van deixarse sen control, indefinidamente, tódolos animais que ata o de agora o tiñan, ; sen seguro e sen desparasitar. E, se seguimos así, en pouco tempo, tódolos animais que consigan sobrevivir, estarán sen marcas e sen ninguén que se responsabilice dos estragos e destrozos que poidan facer no monte e nos pobos limítrofes. Desaparecerá a Asociación de Propietarios de Cabalos do Monte da Groba, as organizacións dos curros de A Valga, Morgadáns e do Galiñeiro e ninguén se responsabilizará do que poida pasar.

Non estamos a perder unha festa, estamos a perder algo de nós, do noso patrimonio máis galego, que nos queren eliminar caladamente, dicindo que hai que identificar e organizar os cabalos do monte. Nós tamén o vimos dicindo dende hai moito tempo: hai que organizar e regular a vida dos cabalos do monte, pero protexéndoos, non extinguíndoos ou converténdoos en animais cativos de selección. Iso é outra cousa.

Este próximo domingo tocaríalle a quenda ao primeiro curro do ano, o curro de A Valga. Non se vai a celebrar. Xuntaranse no curro os propietarios dos cabalos, para manifestar a súa queixa e a súa protesta e denunciar publicamente a tódolos que se acheguen ata alí os por que de este paso tan pouco desexado, mais inevitábel.

Vía: SOSgroba

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.