viernes, 1 de junio de 2012

Carta de Xosé Alfredo Pereira Martínez

http://orgaccmm.blogaliza.org

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ é presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes.

O sábado dia 9 de Xuño de 2012, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM), ten convocada, en Santiago de Compostela, unha manifestación para rexeitar a Lei de montes de Galiza que, presumíbelmente será aprobada, en solitario, polo Partido Popular no pleno do Parlamento Galego do dia 12 ou 20 de Xuño. A manifestación que arrancará da estación do ferrocarril e rematará na praza da da Quintana, conta co apoio da recentemente constituída Alianza para un medio rural galego vivo.

A veciñanza comuneira ten sobrados motivos para levar adiante esta manifestación contra a Lei de Montes de Galiza que se está a debater no Parlamento Galego. Esta Lei sitúa a estas terras comunitarias no ámbito das titularidades privadas. Arráncalle todo tipo de protección aos montes veciñais para favorecer os intereses especulativos e urbanísticos. Entrega a xestión de estas terras veciñais as empresas privadas, sobor de todo as chamadas sociedades de fomento forestal (SOFOR). Aposta somentes polo forestal e xa que logo, impide a posibilidade de acadar un monte veciñal multifuncional e sustentable, que por outra banda, é o monte veciñal con futuro. Retíralle a Administración Publica Galega a obriga de facer os deslindes dos montes veciñais. Non condona as "falsas" débedas históricas que din que teñen os montes veciñais e que están reflectidas nos convenios e nos consorcios.

E dicir, a Lei de Montes de Galiza que se está a debater no Parlamento Galego, non respecta nin a figura, nin as funcións dos montes veciñais.

Mais, se o contido da Lei de Montes de Galiza, non fosen motivos suficientes para que a veciñanza comuneira nos manifestemos, aínda hai outro motivo que podemos catalogar como de "raíces históricas". De xeito resumido, podemos afirmar que a historia do monte veciñal e a historia da loita entre os poderosos , que sempre se quixeron apropiar de estas terras comunitarias, e a veciñanza comuneira que sempre loitou por defendela. No século XIX, a ideoloxía dominante, o liberalismo burgués, puxo a venda os montes veciñais; a sociedade rural labrega, impediuno. No século XX a ditadura franquista, usurpou os montes veciñais a favor dos concellos; a sociedade rural galega, recuperounos. Polo tanto, a loita da veciñanza comuneira de séculos pasados, na defensa do monte veciñal, fixo que a veciñanza comuneira de hoxe, podamos desfrutar de estas titularidades especiais. A veciñanza comuneira do século XXI, temos que amosar o orgullo de ter a condición de veciño/a comuneiro/a e tamén coa nosa loita impedir que desaparezan os montes veciñais para que poidan ser desfrutados polas veciñanzas comuneiras futuras. Non podemos pasar a historia, por non ser quen de defender estas terras comunitarias.

Non só a veciñanza comuneira ten suficientes motivos para manifestarse; tamén os ten a sociedade galega no seu conxunto. A Lei de Montes de Galiza, que se está a debater no Parlamento Galego, permite a forestación das terras agrarias impedindo o logro de un medio rural vivo. Derroga a vixente lei de prevención e de defensa contra os lumes forestais, eliminando as distancias de seguridade e levantando a prohibición de forestar mais de 50 has continuas en réxime monoespecifico. Reducir as distancias de seguridade significa achegar o lume as persoas e aos bens. Permitir forestar, sen límite en réxime de monocultivo, significa converter o monte galego nunha inmensa leira de cultivos enerxéticos (plantar para queimar). E dicir, a Lei de Montes de Galiza que se está a debater no Parlamento Galego, planifica para o medio rural galego outra forestación salvaxe. E xa sabemos o futuro que nos trae unha forestación salvaxe: lume e abandono. Polo tanto, e unha Lei mala para o Pais.

O día 9 de Xuño en Santiago de Compostela, a veciñanza comuneira e o pobo galego compre que llo digamos alto e forte ao Partido Popular e aos intereses económicos, especulativos e urbanísticos que o monte veciñal foi noso, é noso, e será sempre noso. E o pronome noso, non vai referido somentes a veciñanza comuneira, senón a todos os galegos e galegas. Porque o monte veciñal e unha das nosas sinal de identidade, porque é outra forma de posuír que temos os galegos e as galegas.

Vémonos pois en Santiago de Compostela o día 9 de Xuño as 12 da mañá na estación do ferrocarril.

Fonte orixinal: Terra e Tempo

No hay comentarios: