domingo, 10 de junio de 2012

Crónica e Imaxes da manifestación contra Lei de Montes

As fotos de riba do texto son propiedade dos veciños da Comunidade de Montes de Xuño, as restantes da Organización Galega de Comunidades de Montes.

Ten a súa reviravolta que a Xunta de Galicia diga en replica á manifestación contra futura Lei de Montes que nos quere meter pola porta de atrás, que esta foi acordada co sector forestal (sic), cando os donos dos montes, de momento, somos milleiros de comuneiros e veciños. Mais de que nos podemos estrañar, se cando unha empresa privada, poñamos por exemplo as eléctricas, queren pasarnos por riba das nosas propiedades unha liña ou montar uns par de eólicos de nada, aí están os políticos de quenda para asinarlles a declaración de utilidade pública e logo, se non nos avimos a razóns, aplícannos directamente a expropiación forzosa, unha Lei do franquismo que a Memoria Histórica aínda non foi quen de derogar.

Ora que da igual, por moito que a deroguen e fagan unha nova, os favorecidos van ser sempre os poderosos, de iso non teñamos ningunha dúbida. Ben, nalgún caso como xa teño denunciado, a algúns gobernos nin con esa Lei tan favorable lle fai falla aplicala, chégalle con que un presidente ou directivos teñan un amigo metido nel e se é un mandamáis moito mellor, para cruzarlles aos seus veciños e amigos? propiedades privadas con unha pista. Logo están outros casos moito máis recentes, onde unha xente, curiosamente adicada ao sector forestal, acada subvencións, para en teoría, reforestar unhas terras que non son deles... A Costa da Morte maniféstase contra o fraude forestal

La Voz de Galicia
Varios centos de persoas desfilaron onte polas rúas de Santiago en protesta contra a Lei de Montes promovida polo Executivo de Núñez Feijoo -agora en fase de tramitación parlamentaria - e en defensa do modelo vixente de montes veciñais en man común. O acto, ao que acudiron membros da CIG e do BNG, estaba convocado pola Organización de Comunidades de Montes Veciñais. O seu presidente, José Pereira, advertiu ao comezo da marcha que o novo marco legal supón a acta de defunción do monte veciñal tal e como se lle coñece agora e denunciou que a lei abre a porta a un modelo de productivismo salvaxe, que aposta por explotar o monte para dar beneficio exclusivamente a industrias madeireiras e enerxéticas e para destruír a propia paisaxe.

O secretario de Medio Ambiente da CIG, Anxo Pérez Carballo, advertiu que «en 20 anos, Galicia será irrecoñecible se se executa esta lei nos termos en que está redactada».

Réplica oficial

Pola súa banda, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, recordou na xornada de onte que a Lei de Montes é un texto «acordado co sector forestal», que mantén as características do monte veciñal, polo que mostrou a súa estrañeza ante unha mobilización que, ao seu xuízo, está chea de contradicións.

Segundo o responsable de Medio Rural, a norma fai algunhas referencias ao monte veciñal como xestor de montes, pero recoñecendo sempre o seu carácter inembargable». Fernández Couto insistiu en que se recoñecen e defenden estas condicións e, incluso, ábrese a posibilidade de que poidan comprar terreos lindeiros para mellorar a súa xestión. A Xunta reiterou que se trata dunha norma necesaria para a mellora do monte.

El Correo Gallego
Representantes das comunidades de montes, profesionais do mundo agrario e organizacións sindicais encabezaron onte a manifestación que partiu da estación de trens de Santiago en contra da proposta de Lei de Montes da Xunta.

"O que se pon de manifesto é que hai que parar esta lei, porque vai supoñer o enterro definitivo do monte tal e como o concebimos, moito máis se falamos de montes comunais", advertiu o secretario de medio ambiente da CIG, Anxo Pérez Carballo, un dos participantes na marcha, que concluíu na praza da Quintana.






No hay comentarios: