viernes, 22 de junio de 2012

Eu xa asinei, e vostede?

Sr. Presidente da Xunta de Galicia demandámoslle un referendun sobre a Lei de Montes e a implantación dos cultivos enerxéticos forestais!!!!!

Unha modificación substancial da paisaxe, uso tradicional do entorno, forestación masiva das terras agrícolas, modificación drástica dos métodos de explotación do solo, uso habitual de pesticidas por medios terrestres e aéreos na explotación forestal, cambio da propiedade das terras ou da súa explotación afecta ao conxunto da poboación e é unha decisión de especial transcendencia que debe ser tomada polo conxunto da poboación que vive no territorio afectado.

A Lei de Montes que nestes intres está en tramitación parlamentaria e o borrador da Lei dos cultivos enerxéticos forestais elevado ao Consello Forestal de Galicia prevén un cambio drástico no territorio galego.

A Lei de Montes está pensada para beneficiar, ostensiblemente, as grandes industrias madeireiras e de produción de celulosa, agrocarburantes e agromasa; a costa de comprometer o futuro e supervivencia dos nosos sectores agrarios e gandeiros. A nova Lei de Montes só será unha ferramenta útil para xeneralizar a invasión do eucalipto en todo o País, pois favorece a introdución masiva de cultivos de agromasa e enerxéticos nos nosos montes. Pero, quizais, unha das modificacións máis graves, que vai comprometer de xeito irreversible o futuro dos nosos sectores agrarios e gandeiros, vai ser a posibilidade de cambiar o uso das terras de agrario a forestal. Ademais, a nova lei pon en serio perigo á poboación do rural ao reducir a distancia de seguridade entre as masas forestais e os núcleos habitados a 30 metros. En calquera caso, de pouco ha servir a norma se, como até o de agora, a Xunta fai caso omiso ás denuncias e permite a infracción xeneralizada da lei, con plantacións feitas até o limiar das casas como denominador común.

Os cultivos enerxéticos forestais afondarán no modelo da agricultura industrial, entendida como a suma de monocultivos, biotecnoloxía, agrotóxicos e capital financeiro. Para obter o máximo rendemento, estas plantacións requiren facer un traballo de control da vexetación competidora, abonado, tratamentos fitosanitarios e incluso rega. De tal xeito que hai gran dependencia de insumos externos e aumenta o uso de produtos agrotóxicos. Por todo isto, os cultivos enerxéticos non van contribuír a solucionar a crise agrícola, nin a climática, como nos prometen. Pola contra, esta vaga de cultivos enerxéticos non só non paliará o problema do cambio climático, senón que creará outros novos, xa que a maior parte da enerxía producida, consúmese no cultivo e o procesado: no petróleo, agrotóxicos, rega, maquinaria, transporte e refinamento.

Coa nova Lei de Montes e coa proposta da implantación masiva dos cultivos enerxéticos a produción alimentaría e o noso xeito de vida do medio rural intimamente ligado ao monte vai desaparecer.

O artigo 92 da Constitución Española prevé no seu apartado 1 que as decisións políticas de especial transcendencia poderán ser sometidas a referéndum consultivo de todos os cidadáns. Este método de participación cidadá foi raramente empregado en máis de 30 anos de vixencia da Constitución Española o que deixa ver claramente que é un dereito de participación directa secuestrado polos partidos políticos ao conxunto dos cidadáns.

As persoas que asinan o presente documento entenden que unha modificación substancial da paisaxe, uso tradicional do entorno, forestación masiva das terras agrícolas, modificación drástica dos métodos de explotación do solo, uso habitual de pesticidas por medios terrestres e aéreos na explotación forestal, cambio da propiedade das terras ou da súa explotación afecta ao conxunto da poboación e é unha decisión de especial transcendencia que debe ser tomada polo conxunto da poboación que vive no territorio afectado.

En base ao antes exposto os asinantes deste escrito demanda do Presidente da Xunta de Galicia que solicite ao presidente do goberno español e do Congreso dos deputados a celebración dun referendun consultivo en Galicia sobre a aprobación definitiva da Lei de Montes e da implantación dos cultivos enerxéticos en todo o territorio galego; tamén demanda ao conxunto dos grupos políticos con representación no Congreso dos deputados o uso frecuente dos referenduns consultivos como método de democracia directa e participativa.

Asina a petición aquí

No hay comentarios: