miércoles, 20 de junio de 2012

Hai xente para todo

Bárbara Pereira e Jorge Fernández,
nunha das parcelas onde subtraeron 310 carballos a fin de semana
Se nestes tempos xa é complicado acadar subvencións, se despois por riba che rouban o que con tanto esmero plantastes, cando non é o lume o que arrasa con todo, a sensación ten que ser moi agridoce. Agardemos que dean cos culpables e que a lei caia sobre eles con todo o seu peso.
O monte comunal da parroquia baionesa de Baíña rexistrou o pasado fin de semana o seu segundo roubo de árbores recentemente plantadas en só tres meses. Tras a desaparición de 110 especies autóctonas -castiñeiros e carballos- o pasado marzo, a comunidade de montes da zona lamenta a perda doutros 310 carballos, valorados nuns 6.000 euros, segundo os cálculos iniciais.

O roubo produciuse na madrugada do sábado. Varios técnicos da empresa de enxeñaría forestal que traballa coa comunidade de montes terminaran de plantalos ás seis da tarde do venres nunha superficie dunhas seis hectáreas, situada xunto á pista que une Chan da Lagoa con San Cosme. Á mañá seguinte, ao redor das doce do mediodía, un grupo de membros da sociedade de montes acudiu á zona para visitar os carballos recentemente colocados e atopáronse con que desapareceran.

A presidenta da comunidade de montes de Baíña, Bárbara Pereira Meneses, interpuxo onte unha denuncia no posto principal da Garda Civil de Baiona, cuxos axentes investigan as circunstancias do ocorrido, que podería ter relación co roubo do pasado mes de marzo.

Naquela ocasión, os ladróns levaron 110 plantas, 60 castiñeiros e 50 carballos, que foran plantados nun espazo dunhas dúas hectáreas no acceso ao lugar de Valdofeito. Un comuneiro da zona descubriu tamén o ocorrido ao pasear polo lugar, onde comprobou que os autores dos feitos arrincaran os protectores plásticos que resgardaban as plantas do gando e deixáronos esparexidos polo terreo.

Fonte orixinal: Faro de Vigo
Os roubos de árbores en Baíña pon en perigo un investimento de 30.000 euros en Chan da Lagoa

No hay comentarios: