martes, 5 de junio de 2012

Rosa Quintana: “Galicia pode comezar o verán contando cunha Lei de Montes que permita ordenar e aproveitar toda a súa riqueza”

Mentres por un lado está convocada unha manifestación para o día 9 contra a futura nova Lei de Montes, o actual goberno da Xunta loa e mesmo manifesta que esta moi consensuada? Con quen?

Cada vez alucino máis con estes políticos de chapeu. Para o que non coñeza a lexislación vixente, saiban que hoxe en día non somos quen de poder cortalos arbores que nós mesmos plantamos, se non que temos que pedir autorización á Xunta e vennos un axente a marcarnos os que podemos talar, e os que debemos deixar. Pois ben, agora, igual que acontece cos montes comúns, parece que se nos quere tamén obrigar a facer un investimento coa parte dos ingresos obtidos nesas talas, coma se iso non o viñésemos facendo xa dende sempre.

O que igual pretenden é que fagamos como a maioría das comunidades de montes, que contratemos empresas para para que nos planten os arbores; que nos rocen o monte; que nos poden os arbores... e se despois non temos cartos para pagarlles..., que se nos queden con todo. Igual isto último é o que en realidade pretenden. Cos montes comúns, segundo a xente que disto entende algo máis que min, xa é o que queren facer.

Non sei aos demais, pero nas miñas propiedades levo máis anos investindo tempo e cartos, do que beneficios obtiven. Igual agora para poder demostrar que cumpro e acato esa futura lei, teña que pedir facturas de todo: do gas-oil, da gasolina, dos aceites, das avarías da maquinaria e tamén me decida a cubrir nun diario as horas que paso no monte.
Entre os obxectivos desta norma, que está completando o seu trámite parlamentario, están ademais o de “facilitar a mellora da base territorial das explotacións agrarias, poñer en valor a produción de madeira e aumentar a seguridade na defensa contra os incendios forestais”, destacou a conselleira

Santiago, 5 de xuño de 2012.- “Pensamos que podemos empezar o verán contando cunha lei de montes en Galicia, algo que viña sendo moi demandado e que permitirá ordenar e aproveitar a inmensa riqueza natural que representan”. Así o anunciou esta mañá a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, tras un almorzo informativo centrado nesta norma, que está a piques de completar a súa tramitación no Parlamento. Rosa Quintana destacou que se trata dunha norma “na que levamos traballando moito tempo e moi consensuada cos diferentes actores que teñen que ver co forestal”. Engadiu que “a partir de finais de xuño a nosa Comunidade pode ter unha boa noticia neste sentido e dispor dunha ferramenta clave para valorizar un elemento fundamental que anime á xuventude a traballar de novo no rural”.

Rosa Quintana explicou que esta lei “ten uns obxectivos moi claros: Ordenar o territorio, poñer en valor o noso monte, facilitarlle aos nosos agricultores a posibilidade de ampliar a súa base territorial e poñer en valor tamén a nosa madeira”. En relación con este último aspecto, a titular de Medio Rural e Mar destacou que no texto legal “establécense uns plans de ordenación e de xestión do monte, como elemento fundamental para que poidamos ter unha madeira certificada e se lle poida dar ese valor á internacionalización da venda desta produción”.

Ordenación do territorio
A conselleira sinalou tamén que “esta é unha lei que intenta clarificar os diferentes usos do noso monte, pero partindo da necesidade da ordenación do territorio como premisa fundamental, un obxectivo establecido polo propio presidente da Xunta como estratéxico para o Goberno galego”.

Outra das bondades desta norma, tal e como dixo Rosa Quintana, é que procura clarificar e concretar os distintos aspectos relacionados coa propiedade do monte. Así, por exemplo, matizou que ten en conta o debate existente na sociedade sobre a propiedade dos montes veciñais, deixando ben claro que esta figura, tal como establece a Lei de Dereito Civil de Galicia do ano 2006, define claramente o carácter privado destes terreos.

Engadiu que a nova lei consolida esa condición, “pero tamén ordena o seu uso, xestión e investimento”. Neste sentido, destacou a conselleira que “por primeira vez na historia se lles obriga aos propietarios de tódolos montes –tanto os públicos (moi poucos en Galicia) coma os privados (a inmensa maioría)– a facer un reinvestimento de parte dos ingresos que se xeren para fomentar de novo o seu aproveitamento”.

Seguridade para as persoas
En relación coa modificación da normativa sobre incendios forestais que incorpora esta nova lei, Rosa Quintana advertiu que ten como principal obxectivo “dar a maior seguridade a tódolos cidadáns, independentemente de que teñan as súas vivendas en núcleo rural, urbano ou incluso cunha casa illada no medio do monte, xa que todos eles quedan obrigados a manter unhas franxas de seguridade fronte ao lume, que poidan ser aplicables na realidade”.

Fonte: www.xunta.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.