miércoles, 18 de julio de 2012

1ª Xornada para a Divulgación do Monte Veciñal e a Condición de Comuneiro

Non estaría de máis que outras comunidades tomasen exemplo. As de Pontevedra lévannos moitos anos por diante: Comunidade de Montes de Xesta: I Xornada para a divulgación do monte veciñal e a condición de comuneiro
Resumo da xornada: Escribe: Francisco Chan Méndez

O pasado 14 de xullo, tivo lugar na casa do pobo de Xesta, no Concello da Lama, a -1ª Xornada para a Divulgación do Monte Veciñal e a Condición de Comuneiro. – Tanto a organización, que correu a cargo da Comunidade de Montes de Xesta, como a calidade dos poñentes, serviron para proporcionárlle ao centenar de asistententes, unha idea precisa da realidade da propiedade comunal en Galicia. A condición de comuneiro despertou moito interés, xa que se adiviña que, nun futuro próximo, se poida afrontar unha modificación na lei que chegue a flexibilizar as circunstancias para conquerir esta condición, de cara a unha mellor adaptación ao inevitable despoboamento do rural.

Nas conclusións finais pareceu plantexarse unha coincidencia de opinións arredor da idea de que, no caso de que a condición de comuneiro acade un número escaso de persoas, a lei plantexe, no futuro, a obrigatoriedade de aglutinar comunidades de montes para que non perdan a súa función como propiedade colectiva e centro de decisión democrático.

Entre os aproveitamentos do monte que xestionan estas comunidades destacaron: O uso forestal, o agrogandeiro, e evidentemente, o cinexético. Tamén se sinalaron outros moitos, que non sendo tradicionais, se consideraron como perfectamente compatibles. O uso cinexético apareceu vencellado ao monte comunal coa evidencia de que, dous dos presentes na mesa, como son Xavier Nogueira, presidente da FGC, e Paco Couselo, vicepresidente da FGC de Pontevedra son respectivamente, aparte das suas responsabilidades cinexéticas, expresidente e presidente na actualidade, das comunidades de montes dos seus pobos.

As nove e media comenzou a xornada ca inauguración da mesma por parte do alcalde da Lama, Jorge Canda.

Coordenou as mesmas o presidente da Comunidade de Xesta, Francisco Couselo.

O primeiro en “abrir lume”, foi Xavier Nogueira, quen defendeu o uso cinexético do monte como actividade sustentable, tradicional e compatible con tódalas demais que aporta, como dinamización económica ao rural galego, ademais da necesaria minimización dos danos aos cultivos, unha cantidade cercana aos 94 millóns de Euros de forma directa.

Foi o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, Xosé Pereira, o que se encargou de disertar, de xeito moi interesante, sobre o pasado e o presente do monte comunal. Deixou moi clara a especificidade de este tipo de propiedade, a medio camiño entre a privada e a pública. De xeito que estamos diante dun endemismo xurídico propio soamente de Galicia e Portugal. É único en Europa.

O Dr. Luis Eusebio Fidalgo ilustrou magníficamente aos asistentes cunha ponencia arredor do aproveitamento gandeiro do monte comunitário e as súas grandes posibilidades.

Xesús de la Fuente, enxeñeiro de montes, falou do valor forestal do chan comunal, e ponderou a diversificación dos plantíos xunto ca promoción das especies autóctonas. O Sr. de la Fuente ademáis, reclamou sensibilidade para a restauración ao seu estado primitivo das pistas de saca, ou mesmo dos cortalumes que él entende que resultan agresivos ao medio ambiente por terse construidos cunha roturación artificial do terreo. Ademáis de esto propuxo outros usos adecuados do monte de carácter mais lúdico, como o sendeirismo e outros.

No posterior debate xerouse unha leve polémica por parte de este poñente, cando un dos asistentes incideu no plantexamento contrario ao uso cinexético do monte que desprendía a sua alocución. A enquisa foi contestada dun xeito quizais, excesivamente airado por parte de este técnico forestal.

Pechou as intervencións o afamado xurista Calixto Escariz, disertando sobre os dereitos do comuneiro e mais concretamente falou do seu dereito de participación. Foi este conferenciante quen de aportar técnicamente maior luz arredor das cuestións legais. Estas parecen ser as que mayores dudas plantexan entre comuneiros e habitantes do rural galego.

Con algo de retraso, polo amplo, intenso, e interesante dos temas que se trataron, o presidente da Comunidade de Montes de Xesta, clausurou estas xornadas.

Dende esta crónica, quero salientar a magnífica organización de este acto por parte de Paco Couselo quen, tanto como presidente da comunidade, e tamén como cazador e dirixente da Sociedade de Caza de Xesta, ou como vicepresidente da FGCde Pontevedra; constitúe un exemplo de traballo en prol do rural e dos usos tradicionais e sustentables da terra na que él mesmo se atopa tan enraizado. Falo da impresionantemente fermosa Serra do Suido.



No hay comentarios: