miércoles, 11 de julio de 2012

Apocalípticos?

Así como se reducen horas de traballo na eliminación de biomasa nos montes, varios sindicatos denuncian de novo que a Xunta está reducindo persoal para prevención e loita contra os incendios. Por sorte no que levamos de verán, o tempo na bisbarra é favorable para que de momento non tivésemos conatos, pero tamén está contribuíndo a que esa biomasa vaia a máis a pasos axigantados, polo que se de aquí ao final do verán as temperaturas son as máis propias da estación na que estamos, nalgunha zona pode salta "chispa" como xa pasou na primavera no Parque do Xurés e nas Fragas do Eume.
'Se este ano hai unha desgraza nos montes, os responsables teñen nome e apelidos. E son os dos que puxeron en marcha este dispositivo aintiincendios'. Esta dura advertencia á Xunta de Galicia, máxime tras o acontecido recentemente en Valencia, foi onte pronunciada por Juan Carlos Rivas, representante da CSIF.

Ao seu lado estaban os representantes das centrais sindicais CC OO, UXT e CIG, que se uniron nunha soa voz para denunciar en nome do persoal da Xunta que traballa contra o lume nos montes de Galicia que o Pladiga, o plan deseñado polo Goberno de Feijóo para este ano, está cheo de 'falsidades e é unha estafa'.

Rivas cimentou a súa acusación en que no documento do Pladiga 'aparecen 738 contratacións directas pola Xunta cando en sucesivas reunións a Consellería de Medio Rural confirmou que só vai facer 436. Preséntase un documento maquillado para manter a mentira de que o dispositivo vai ser igual que en anos anteriores'.

BAILE DE CIFRAS

Media hora despois, os traballadores da empresa pública Seaga tamén puñan en corentena as cifras facilitadas polo Executivo galego a través do secretario xeral da Federación de Servizos da CIG, Paulo Rubido: 'Nestes momentos son reais e están constatados algo máis de 1.000 traballadores fixos descontinuos, 500 de Seaga, 150 de Natutecnia nas bases helitransportadas e as 436 prazas creadas pola Xunta'. A suma do dispositivo dá un resultado de 2.000 traballadores no monte, 'e non os case 6.000 que di o Goberno'. O dispositivo do ano pasado, segundo as súas contas, contou con 3.700 persoas, polo que para esta campaña faltan 1.700 brazos para unha tarefa que se prevé inxente, xa que Carlos Rocha, de UXT, sinalou que 'os incendios que xa se produciron son cualificados de explosivos'. 'A marca de incendios teno Suárez Canal, pero pódenllo quitar con facilidade', avisou.

Rubido tamén fixo un chamamento para 'que o persoal da Xunta e o de Seaga loiten de forma conxunta contra a privatización do servizo público mediante empresas como Natutecnia'. Para estas organizacións, a irrupción deste tipo de empresas no servizo de extinción de incendios é un subterfugio para sortear as sentenzas xudiciais que obrigan á Administración a crear postos de traballo. Rubido anunciou tamén que este verán vai ser a tumba económica de Natutecnia', pois o persoal de campañas anteriores vai presentar máis de cen demandas nos tribunais por non entrar nas listas.

Aos traballadores preocúpalles que nos montes haxa multiplicidad de ordes e de equipos de comunicación distintos, como os dos traballadores da Xunta, os de Seaga, os de Natutecnia e os de Tragsa, cuxas probas para o reforzo se realizarán mañá, ademais do perigo que supón para a seguridade traballar de oito ou nove días consecutivos. Ante a falta de diálogo da consellería, anuncian mobilizacións.

Fonte orixinal: La Región

No hay comentarios: