martes, 17 de julio de 2012

Comeremos AVE en vez de castañas

Ante este arboricidio non se me ocorre outro título.
La Voz de Galicia: As obras do AVE ameazan en Laza máis de 2.000 castiñeiros

Que paren as máquinas nas obras da alta velocidade a Galicia no tramo entre Vilariño e Cercedelo, en pleno Macizo Central ourensán. Esa é a demanda que transmitiu a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) ao Ministerio de Fomento, ante o que consideran un atentado ambiental ao levar por diante «sen necesidade técnica» un soto de castiñeiros con máis de dous mil exemplares. Segundo sostén Marcos Freán, delegado en Ourense da SGHN, «na súa maior parte centenarios e en produción».

As obras da liña férrea no lugar de Cerdedelo, no municipio ourensán de Laza, tamén afectarían a outras 3.000 árbores de ribeira nunha área de protección no río Támega. «É unha zona que non está incluída na declaración de impacto ambiental aprobada para a construción do AVE e faise sen necesidade técnica», puntualizou Marcos Freán. De feito, segundo denuncian, a ocupación de terreos ampliouse dos 190.000 metros cadrados previstos inicialmente aos preto de 450.000 metros cadrados, o que supón, segundo a SGHN, «unha falta de respecto á legalidade».

Ante esta situación, o colectivo ecoloxista demanda a paralización cautelar «inmediata e por vía de urxencia» dos traballos na zona onde se atopan os castiñeiros centenarios. Non satisfeitos con esa petición, requiren que se depuren responsabilidades legais».

O novo espazo que foi deseñado para o tramo ferroviario acolle ademais dos castiñeiros centenarios outras especies de interese ambiental como bidueiros, álamos e nogueiras que se asentan na área protexida recoñecida como tal pola UE como zona TIC.

No hay comentarios: