sábado, 7 de julio de 2012

Matar por matar, non

Á vista da noticia que partillo hoxe, case me inclino pola solución que buscan algúns gandeiros, xa poucos, que lles colocan pexas nunha pata ao xefe da manada de cabalos para que non baixen aos vales a por comida, antes que os concellos, co visto e prace da Xunta, os manden ao matadoiro. Si xa sei que isto está penado, e matalos é legal, non?

Na noticia o periodista comete unha gralla, os curros non son para marcalos cabalos. Hoxe en día son puro espectáculo, pero antes facíanse para desparasitalos, e córtalle o pelo da crin e do rabo, que logo vendían para facer brochas e pinceis. A marcaxe xeralmente a ferro, facíase e supoño que seguen facéndoo, nos currais. Zona escollida tamén para amansar algún.

Os cabalos salvaxes capturados, non identificados con dispositivo electrónico e non reclamados polo seu propietario poderán ser enviados directamente ao matadoiro para a súa "destrución". Así o establece o decreto da Xunta, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) de onte, no que se impón a obrigación de que todos os équidos leven o microchip. O sacrificar ou non aos que non o porten dependerá das autoridades municipais, que teñen como alternativas poxalos en poxas públicas ou entregalos a espazos de acollida "con capacidade de recepción".

A Consellería do Medio Rural e do Mar mantén, deste xeito, unha decisión que levantou aos propietarios dos cabalos salvaxes do sur da provincia de Pontevedra. Consideran que a norma ignora ás burras do monte, équidos de pura raza galega que viven en liberdade, e cren que os aboca á súa extinción. Neste sentido, Xilberte Manso, da plataforma SOS Groba, incide en que o sistema de identificación electrónico non mellora ao tradicional, e pon un exemplo práctico: "Se hai un accidente e o cabalo escapa, de que vale o microchip"?

A cría destes animais non reporta beneficios económicos, polo que o pago do transpondedor, con custo duns 40 euros, supón un "gravame que desanima" aos que aínda manteñen viva unha raza e unha tradición con orixes na prehistoria. No texto tamén se marcan unha serie de complexos trámites burocráticos para que os cabalos poidan asentarse en montes en man común.

Como medida de presión, por agora sen éxito, este ano suspendéronse os seis curros do Val Miñor, de forma que gran cantidade de animais quedarán sen identificar, nin co microchip nin da forma tradicional, coas marcas a ferro e a súa inclusión nun rexistro. "Crean un problema onde non o había", esgrime o representante de SOS Groba. Esta plataforma, xunto á asociación de propietarios, convocou para mañá unha marcha a cabalo polas rúas de Vigo, con final simbólico na Praza de España, en cuxo centro se alza unha estatua que reflicte a estes cabalos.

A Xunta, ademais dos argumentos sobre a seguridade viaria e os posibles danos en cultivos, sempre xustificou a implantación do microchip como imposición da Unión Europea. Con todo, a normativa comunitaria admite excepcións, e concédelle ás autoridades competentes (a propia consellería) a potestade de eximir da colocación do dispositivo. No decreto, a diferenza do borrador que se someteu a exposición pública, si que se recolle que Europa abre esa posibilidade, pero descártase en aras de "buscar un ordenamento equilibrado" entre o interese xeral de conservación dos cabalos e os "intereses particulares".

El País
O DOG publica o decreto sobre identificación e ordenación sanitaria dos cabalos e xestión dos équidos mostrencos

DECRETO 142/2012, do 14 de xuño, polo que se establecen as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia: Descargar PDF

No hay comentarios: