jueves, 12 de julio de 2012

Pagar xustos por pecadores?

Era o que faltaba, que por catro cabestros que presuntamente se dedican a poñer lume no monte, se intenten castigar a todo un colectivo que amamos e desfrutamos da natureza, e que cando temos tempo libre e a climatoloxía no lo permite, gústanos mergullarnos nela.

Se prohibisen o que hai que prohibir e deixasen de ollar en todos que subimos ao monte, a un presunto pirómano, mellor nos iría. Como dixen aquí, teño por costume pasear por el con un chaleco, aínda que sexa a plena luz do día, non por fachandear, se non para facerme visible á máxima distancia posible. Aí teñen unha recomendación que nos poden facer entre outras cousas, pero non nos limiten a liberdade de movementos, iso ten un nome e fai corenta anos que quedou atrás, aínda que ollando o que pensan e o que pasou onte, xa comezo a dubidalo.
O pasado ano, a Fiscalía de Pontevedra constatou que os delitos vinculados aos incendios forestais duplicáronse con respecto ao 2010. Os 236 supostos investigados, fronte aos 162 do ano anterior, supoñen unha cifra elevada, tal vez en gran medida derivada do feito de que son ilícitos cuxa comisión é, por unha lado, sinxela e, por outro, «moi difíciles de investigar».

Este incremento contrasta, lamentablemente, cuns «escasos resultados das investigacións», polo que o ministerio público da área de Medio Ambiente avoga por novas fórmulas encamiñadas á prevención e á protección das masas forestais da provincia de Pontevedra. Entre elas, alúdese especificamente a dous, á implantación de novas tecnoloxías encamiñadas á vixilancia e, tal vez a máis drástica, «a creación de espazos restrinxidos en determinadas épocas do ano».

Isto contribuiría a impedir que os potenciais incendiarios puidesen acceder a determinadas zonas protexidas. En todo caso, as fontes consultadas deixaron patente que é unha proposta e que terían que ser outras administracións as que desen os pasos encamiñados nesta dirección.

Unha das probas máis claras das dificultadas que ten tramitar estes procedementos é o feito de que, a pesar do seu alto número, os propios fiscais recoñecen que son os asuntos xudiciais que «menos traballo supoñen». O motivo, que «a maioría deles se sobreceen ao non existir probas da autoría dos mesmo».

Paradoxicamente, fronte ás dificultades das investigacións, todos os casos relativos a incendios forestais que chegaron a xuízo saldáronse con condenas.

En calquera caso, os fiscais delegados da área de Medio Ambiente en Pontevedra constataron que, pese ao espectacular incremento dos lumes forestais, reduciuse o volume de espazo queimado.

No marco destes delitos, o ministerio público tamén alude a que as imprudencias, na súa maior parte pola realización de queimas sen autorización en períodos estivais, deron lugar o pasado ano a preto dunha trintena de dilixencias previas e a media ducia de procedementos abreviados.

Neste ámbito sitúase unha investigación do Seprona relativa aos vertedoiros ilegais e outras fontes potenciais de lume. O resultado non podería ser máis agridoce: «Pódese comprobar que, a pesar da case imposible eliminación dos vertedoiros, xa que cando se eliminan uns, rapidamente xorden outros, cada vez son menos».

Non ocorre o mesmo con outras potenciais fontes de risco, caso de liñas eléctricas, áreas recreativas ou estradas. No caso concreto da comarca, o ditame é que «non constitúen un problema», dado que, «cada vez están mais coidadas». A xuízo da Fiscalía, isto «revela que as comunicacións ás entidades titulares deses lugares acerca da responsabilidade penal en que poden incorrer é eficaz».

Xunto coa Garda Civil, outro dos corpos de seguridade con competencia en investigación de incendios forestais é a Policía Autonómica. A relación desta unidade coa Fiscalía de Pontevedra «segue limitada á remisión de atestados (...) por correo ordinario».

Vía: La Voz de Galicia

No hay comentarios: