sábado, 14 de julio de 2012

Podería ser unha noticia deste ano, pero non...

Faro de Vigo: Medio Rural só fará público o reconto de número de incendios e hectáreas queimadas a partir do 15 de outubro.

A Xunta restrinxirá a información sobre lumes para non alentar aos incendiarios

A onda de incendios do pasado ano acaparou páxinas de xornais, boletíns radiofónicos e noticiarios de televisión. A Consellería de Medio Rural considera que este exceso de información non axudou a conter a escalada de lumes forestais e decidiu cambiar a súa política informativa para non alentar a que se prenda lume ao monte. Durante este verán non se fará público o reconto de incendios e hectáreas arrasadas ata que finalice a campaña o próximo 15 de outubro e unicamente informarase puntualmente daqueles lumes máis graves.

Coa chegada do bipartito á Xunta, a Consellería de Medio Rural empezou a publicar na súa páxina web o balance diario de incendios, incluíndo información sobre a hora de inicio, os medios mobilizados e as hectáreas afectadas. Esta información deixou de actualizarse o pasado mes de agosto por razóns técnicas ante o elevado número de lumes que sufría a comunidade autónoma, pero mesmo neses días o departamento de Alfredo Suárez Canal remitía aos medios de comunicación un parte de incendios.

A transparencia converteuse na máxima coa que Suárez Canal tomou posesión do seu cargo como conselleiro, despois de criticar durante anos o "escurantismo" practicado polo Goberno do PP, que só revelaba as hectáreas queimadas en Galicia ao finalizar o ano.

Os resultados da campaña de incendios do pasado ano fixeron reflexionar á Consellería de Medio Rural sobre a conveniencia de fornecer unha información tan exhaustiva que mesmo "poden chegar a dar pistas aos incendiarios sobre os flancos máis débiles nos traballos de extinción dun incendio". Desde o departamento de Alfredo Suárez Canal quérese transmitir a imaxe de que o monte está blindado contra os incendiarios con informacións sobre a presenza do Exército ou o despregamento dos brigadistas polo monte en lugar de "propiciar que os lumes se convertan en portada todos os días".

O cambio na política informativa de Medio Rural está avalado pola opinión de expertos e mesmo da propia Fiscalía. Nun informe sobre lumes forestais do Consello da Cultura Galega, o fiscal especializado na materia, Álvaro García, criticou que o "gran despregamento mediático orixinou sensación de caos".

Outro dos expertos consultados polo Consello da Cultura, o biólogo Xesús Pereira, advertiu ademais de que os pirómanos "poden pretender buscar certa satisfacción ao ver a súa obra a través da pantalla". Para a profesora de Ecoloxía, Mercedes Casal, a información foi "excesiva" o que acabou xerando "saturación e angustia". O profesor de Ciencias Políticas, Xosé Luís Barreiro, critica que en 2006 falábase "máis dos incendios que se vía por televisión que os que se tiñan á beira de casa".

Para estes expertos o problema do exceso de información pode ser, por unha banda, que se alenta aos incendiarios e, por outro, que se xera alarma social. Pero tamén advirten que, como contrapartida, as noticias sobre lumes forestais axudan a concienciar á poboación.

No hay comentarios: