domingo, 15 de julio de 2012

Por que antepoñen sempre o eucalipto?

norvento-biomasa
Cando se fala de buscar combustibles para as futuras plantas de biomasa, poñen o eucalipto por diante. E logo para que esta o toxo? Unha planta de rápido crecemento que agora non ten o uso de antano, salvo onde o utilizan para facer compost, e que non desertiza o terreo.

Nos nosos montes, seis anos despois do maior desastre que padecemos, xa levamos pagado por rozalo dúas veces. De momento venlle ben quedar esparexido polo monte, porque axuda a rexeneralo terreo, pero o día que a Xunta corte o teto veremos o que pasa, pero buscándolle un aproveitamento algún día poida que eses traballos se autofinanciasen. Ulex europaeus
Praza: Cultivar para queimar

Ano tras ano Galiza arde. A doenza está diagnosticada e coñécese o remedio: o monte está abandonado e cómpre recuperalo como recurso. Unha das vías para curar os males deste paciente é empregar a materia vexetal ou biomasa para producir enerxía eléctrica ou calor.

Mais como outras renovábeis, a biomasa atópase coa oposición de colectivos ecoloxistas e veciñais, que nalgúns casos obriga a trasladar a localización dos proxectos, como aconteceu recentemente no Condado. Todas as formas de produción de enerxía eléctrica teñen impacto no medio, e a queima de biomasa non é unha excepción.

A biomasa é unha fonte de enerxía que en teoría non emite gases de efecto invernadoiro, principais responsábeis do quecemento global. Durante o seu ciclo de vida a biomasa fixa carbono da atmosfera no solo dos montes, de xeito que o balance entre o que captura durante a súa vida e o que produce ao se queimar é como mínimo neutro.

Porén, para manter en funcionamento unha central eléctrica con biomasa durante 24 horas cómpre un subministro constante de material para queimar. Segundo Anxo F. Saborido, presidente da asociación ecoloxisa Adenco, a central que Engabiomasa tiña pensado construír en Ponteareas e que trasladou a Mondariz precisaría de 320 toneladas diarias de biomasa que cómpre transportar e almacenar.

Esta cantidade débese a que as eficiencia destas centrais é moi baixa. Segundo un informe da Comisión Europea sitúase entre o 10 e o 30%, mentres que o resto se perde en forma de calor. Damián Copena, tamén de Adenco, asegura que para poder refrixerar as caldeiras cómpren grandes cantidades de auga, que no caso do proxecto orixinal de Ponteareas pretendían extraer do río Tea, un espazo protexido incluído na Rede Natura 2000.
Eucaliptos para as centrais

Os restos de rozas ou dos cultivos non poden manter ese fluxo de material, polo que cómpre basealo nos "cultivos enerxéticos", árbores que medran rápido plantadas para queimar nas centrais de biomasa. A Xunta de Galicia presentou o pasado mes de abril o borrador da orde que regula estes cultivos no país. Nel incluénse vellos coñecidos do monte galego como o eucalipto.

Amais de empregar especies alleas aos escosistemas atlánticos e vulnerábeis aos incendios forestais, estes cultivos deterioran o solo e provocan que deixe de almacenar carbono. Deste xeito pérdense os teóricos beneficios de explotar esta fonte de enerxía.

Segundo explica Benito Andrade, da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), as principais causas son a mecanización das explotacións para facelas rendíbeis e o emprego de fertilizantes e pesticidas para eliminar plantas competidoras dos eucaliptos e protexelos de posíbeis enfermidades.

"Estase comprobando nas plantacións das Rías Baixas, que xa son antigas, un deterioro absoluto do solo, até o punto de que as empresas están abandonándoas", asegura Andrade. "Se isto pasa en ciclos de 12 a 15 anos, nas explotacións para cultivos enerxéticos vaise multiplicar por tres porque os tempos son máis reducidos", remarca.

Alén de asegurar o subministro, a enerxía eléctrica xerada coa queimas destes cultivos recibía até o de agora unha prima máis alta que a xerada máis elevada que a producida con restos forestais ou agrícolas, tal e como recolle o Real Decreto 661/2007.

A supresión das primas ás enerxías renovábeis a principios paralizou o desenvolvemento do sector, e ningunha das 12 centrais que a Xunta licitou en 2010 (e das que só unha está autorizada) chegou a tempo para recibir estas axudas. 12 centrais que sumarán case 80 MW a un país que produce máis enerxía da que precisa.

Ourense, un territorio pioneiro

Unha das zonas de Galiza nas que máis se aproveita a biomasa é na provincia de Ourense. A proxectos consolidados como Allarluz súmanselle os Centros de Transformación de Biomasa impulsados pola Deputación de Ourense nos concellos de Arnoia, Trasmiras e A Gudiña. Todos eles empregan residuos forestais e non cultivos enerxéticos, xa que o reducido tamaño da planta de Allariz permítelle funcionar con esta fonte de material. A Rede Española de Muncipios Forestais xa mosou o seu intereseou por estes proxectos.

Os Centros de Transformación convirten en estelas os residuos de madeira que recollen ou lles achegan particulares e sobre todo comunidades de montes en man común, segundo Fernando Vargas, da empresa Foresga, que xestiona os centros xunto con Foresa.

Unha vez que as estelas están peneiradas para obter un produto homoxéneo, véndense a particulares e empresas para queimar en caldeiras de calefacción. O material que as calefaccións non soportan vai para Allarluz, que ao ter unha caldeira industrial si pode queimalo.

Con este aproveitamento, Vargas destaca que o monte está máis limpo e diminúen as queimas que poidan descontrolarse nunha provincia que rexistrou máis de 2.600 incendios en 2011, segundo datos do IGE.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.