lunes, 2 de julio de 2012

Reforestación salvaxe

CORENTA e oito taxista de Requeixo (Chantada) en Barcelona. Vocación? Casualidade? Fatalidade? Non. Non. Non. Vítimas inocentes da política forestal do Goberno central que lle confiscou á parroquia o Monte Faro e decidiu repoboalo de piñeiros. Prohibíronlles pastorear as vacas no monte, facer bouzas e cortar leña. Como dicían cando eu era cativo, "os forestais arruinaron Requeixo". Cincuenta anos despois aínda non realizaron sequera unha troncha de madeira.

A densidade emigratoria de comezos do século XX hai que ponderala pola incidencia da banca local. Tanto é así que nestas estatísticas negativas sobrancean Chantada (Banco de Soto) e Betanzos (Banco Hetcheverría), dúas comarcas coa renda per cápita moi por encima da media galega. Pero na segunda metade do mesmo século hai outros dous fenómenos que marcan no mapa galego a negrura do abandono: os encoros e a incautación dos montes veciñais polo Estado e o seu "repoboamento".

Agora atopámonos ás portas doutra reforestación salvaxe e dun novo intento de arrogamento dos montes veciñais en man común. A Lei de Montes de Galiza que ven de ser aprobada polo Parlamento, semella deseñada para entregarlle os montes ás sociedades de fomento forestal (as SOFOR). Só agardan o seu desenvolvemento regulamentario para rapiñar. Logo estas empresas privadas procederán a plantar as nosas terras (non só os montes), con cultivos forestais foráneos e especies invasoras de rápido crecemento, para producir enerxía. Non se aposta por un monte multifuncional e sostíbel, en beneficio da poboación que vive (e moita máis podería vivir), traballa e xestionan o medio rural.

Un medio rural que non é atraso, como nos queren facer crer, senón que podería ter un futuro económico esplendoroso. Potencial non lle falta. Pero apóstase por un negocio rápido, aproveitando as cuantiosas axudas europeas para este tipo de cultivos. E cando rematen as subvencións? As nosas terras quedarán esquilmadas e abandonadas. Sen marcha atrás para unha nova xeración. Terá que ver algo con este deseño europeo, executado ao unísono desde Madrid e Compostela, cos baixos prezos do leite que abocan ao abandono do noso agro?

Por que a mesma empresa paga o litro do leite seis céntimos menos en Ribadeo que na Veiga (ría polo medio), por exemplo? As industrias enerxéticas e a dos incendios camiñan da man polas nosas aldeas. Albisco o futuro do noso rural con bágoas nos ollos: abandono e lume. Queda alguén aí para impedilo?

O Fiz Vergara quería ficar el para pechar a porta. Pero o poeta tamén se foi, mágoa, para sempre.

El Correo Gallego

No hay comentarios: