martes, 28 de agosto de 2012

Exemplos a seguir

Jesús Otero, presidente da Comunidade de Montes de San Vicente
Está máis que demostrado que o monte sen animais, nos tempos que corren non é sustentable economicamente e cumpre comezar a tomar en serio medidas coma esta.
Diario de Arousa: O GDR concede 32.000 euros aos comuneiros de San Vicente para o silvopastoreo

A Comunidade de Montes de San Vicente recibiu onte unha noticia que levaba semanas esperando: A concesión por parte do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) do Salnés dunha axuda de 32.000 euros para levar a cabo unha ambiciosa actuación de silvopastoreo, a través da que os comuneiros pretenden limpar o monte utilizando a presenza de vacas nunha leira de aproximadamente sete hectáreas.

O custo total das obras é de 46.000 euros e os traballos consistirán no valado da parcela e a construción dun alpendre, un bebedeiro, un pesebre para alimentar aos animais e un potro para realizar os tratamentos sanitarios.

Ademais, inclúese tamén a roza e limpeza do terreo en cuestión, aínda que esta actuación xa foi executada previamente co obxectivo de adiantar algo de traballo.

Por outra banda, hai que destacar que ao longo do valado habilitaranse cancelas para o acceso á leira, así como pasos canadenses que permitan o paso dos vehículos sen que os animais saian do recinto e accesos en uve para a entrada de persoas.

A primeira fase dos traballos executarase este ano e suporá un 60% do investimento, mentres que as obras continuarán a principios de 2013 cunha segunda fase na que se investirá o 40% restante.

En canto os traballos rematen por completo os animais chegarán a esta parcela para levar a cabo o seu traballo de mantela limpa dunha maneira natural, axudando así a combater o risco de incendios neste tipo de parcelas comunais cun custo moito menor que o que supoñen os medios mecánicos.

En total introduciranse durante o primeiro semestre do ano que vén entre cinco e sete animais e, aínda que nun principio meterase tamén algún pertencente ao gando cabalar, a intención dos comuneiros é que finalmente só queden no recinto vacas.

Deste xeito, despois de moitos anos tentando sacar adiante este proxecto, finalmente a Comunidade de Montes de San Vicente conseguiu o financiamento necesario para levalo a cabo e moi pronto os comuneiros verano feito realidade.

O presidente da entidade, Jesús Otero Pombo, explicou que a concesión desta axuda, que se fixo oficial na xornada de onte, "é moi importante para a Comunidade de Montes" e mostrouse moi contento por poder iniciar as obras nos próximos días, unha vez que o GDR confirmou xa que subvencionará o proxecto con 32.000 euros.

Esta iniciativa que moi pronto poderá estar en marcha supón unha maneira moito máis económica e viable ambientalmente para manter os montes nun bo estado de conservación e desde a Comunidade de Montes de San Vicente non descartan que poida ampliarse a outras zonas, aínda que polo momento están centrados en sacar adiante estes traballos e ver como funciona o proxecto, que estará en marcha ao longo do primeiro semestre do ano que vén.

Hai que destacar que antes do 30 de setembro deste ano a Comunidade de Montes debe ter executada e justificada a primeira fase destes traballos, polo que é moi probable que o seu inicio sexa cuestión de días.

Deste xeito, os responsables da entidade conseguiron o apoio necesario para sacar adiante unha iniciativa que permitirá manter limpa esta gran parcela e que podería ser a primeira de moitas outras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.