domingo, 30 de septiembre de 2012

A presidenta da Comunidade de Montes de Reboreda contesta ao concelleiro Vilaboa

Mentres estaba escribindo a anterior entrada, chegoume un novo correo electrónico da ORGACCMM, onde sae este comunicado da presidenta da Comunidade de Montes de Reboreda. Polo que paso tamén a darlle a maior difusión posible, para que non se sigan vulnerando os dereitos dos comuneiros.

Que copie o noso presidente e algún directivo de como se deben celebralas asembleas e dirixila comunidade!!!
Falo de Redondela: A presidenta da Comunidade de Montes de Reboreda contesta ao concelleiro Vilaboa

Coma sempre, o de sempre. Nós non poñemos nin quitamos absolutamente nada. Velaí a contestación da presidenta da Comunidade Montes de Reboreda:

Ante as manifestacións feitas polo Concelleiro de Vías e Obras de Redondela, D. Cándido Vilaboa, e mailo vogal da Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Reboreda, D. Antonio Monteagudo Otero, publicadas o día 26/9/2012, nas que se me acusa de ter autorizado os vertidos de terra e broza no monte de Reboreda, eu, Rosa Fernández Santos, Presidenta da Comunidade de Montes de Reboreda, quero manifestar o seguinte:
  1. Existe un acordo asembleario no cal se esixe a previa presentación por escrito da solicitude para o vertido de terras, e que esta petición sexa tratada na Asemblea.
  2. É totalmente falso que eu dera autorización para facer o vertido da terra e broza procedentes da limpeza da Senda da Auga, porque descoñecía tales obras que nin se me comunicaron nin se me solicitou dito permiso, nin verbal nin escrito.
  3.  Nego rotundamente tal acordo. Facer constar que as afirmacións publicadas de D. Cándido Vilaboa e D. Antonio Monteagudo son totalmente falsas, feito que se demostrará ante as autoridades pertinentes de ser necesario.
  4. Chama poderosamente a atención a coincidencia de manifestacións entre o Concelleiro e o membro desta Xunta Reitora o que fai sospeitar un acordo entre eles ao marxe da Xunta Reitora da Comunidade de Montes.
  5. Independentemente da actitude adoptada por cada directivo, a título persoal, esta non pode ir en contra dos acordos da Asemblea de Comuneiros.
  6. Resulta incomprensible que non se necesite tramitación por escrito neste tema en concreto. Se o Concelleiro de Vías e Obras, ademais de presidente da Comunidade de Montes de Vilar de Infesta, descoñece a lexislación en materia de montes e xestión de residuos non debe facer responsables aos demais da súa propia incompetencia.
  7. Desde que formo parte da Xunta Reitora desta Comunidade, o meu único obxectivo é a defensa do monte, sen ningún tipo de servidumes nin dependencias, nin intereses partidistas. O meu traballo, que se realiza con total honradez e honestidade, consiste en defender o monte, tal como consta nos nosos Estatutos, e cumprir e facer cumprir os acordos tomados democraticamente nas Asembleas Xerais da Comunidade de Montes, este é o Órgano supremo de decisión da Comunidade e é o único a quen eu, coma presidenta desta entidade, obedezo.
Reboreda, 27 de setembro de 2012
Asdo. Rosa Fernández Santos

No hay comentarios: