sábado, 27 de octubre de 2012

Non entenden ren

Faro de Vigo: Vilaboa xustifica a vertedura de terra en Reboreda porque "sempre se fixo así"

O concelleiro de Vías e Obras de Redondela, Cándido Vilaboa, afirmou onte no pleno que o conflito por unha vertedura de terras e broza nunha parcela da Comunidade de Montes de Reboreda débese ao "capricho" da presidenta da entidade comunal, Rosa Fernández, e recoñeceu que é unha práctica habitual por parte do seu departamento o depositar nas zonas de monte dos restos da limpeza de camiños. "Sempre se fixo así, en todas as parroquias hai vertedoiros", xustificou.

O responsable de Vías e Obras, que compareceu na sesión plenaria a petición da Agrupación de Electores (AER), asegurou que a vertedura de vinte camións de terra e broza procedentes da limpeza da Senda da Auga contaba co permiso "verbal" da presidenta dos comuneiros, "aínda que despois cambiou de opinión porque alguén lle quentou a cabeza", apuntou.

Vilaboa destacou que a vertedura non supón "ningún dano" para o monte, posto que se trata de terra e restos de material vexetal que fan de "abono". "Mesmo se pode plantar árbores encima se queren", e sinalou que as terras foron trasladadas despois a unha leira particular da mesma parroquia.

Pola súa banda, o concelleiro de AER, Jorge Varela, acusou ao responsable de Vías e Obras de actuar de maneira neglixente posto que debía saber que para realizar este tipo de verteduras debe cursar unha "solicitude por escrito" á comunidade de montes, algo que non fixo, e culpouno por non asesorarse cos servizos técnicos municipais, polo que agora o Concello enfróntase a unha multa do Seprona por contía de até 80.000 euros.

O pleno de Redondela aprobou por unanimidade unha ordenanza fiscal que obriga a pagar 385 euros ao ano aos bancos pola instalación de caixeiros automáticos en edificios nos que a súa utilización implique un aproveitamento especial da vía pública. A ordenanza tamén establece taxas para as empresas que instalen a canalización de augas ou gas, tendidos eléctricos ou máquinas de venda automática nas rúas.

No hay comentarios: