viernes, 23 de noviembre de 2012

Terrible realidade

Dous operarios reforestan un monte en Entrimo
Foto: XESÚS FARIÑAS)
Doe dicilo, primeiro comezouse co despoboamento rural en moitas zonas de Galiza, sobre todo do interior, agudizado por políticas nefastas que aínda hoxe ninguén soubo por coto. Logo veu que onde aínda nos mantiñamos máis ou menos, deron pé a que nos desfixésemos da pouca cabana gandeira que tiñamos. É a pescada que se morde o rabo: sen xente nas aldeas e sen gando nas cortes, o monte acabou por converterse nunha selva.

Ao fin e ao cabo igual era isto o que estaban buscando. Duns anos para acá en moitas comunidades de montes os beneficios xa llos están levando empresas foráneas, que non só se dedican a traballarlle monte, se non que coa complicidade das directivas, encárganse xa de pedilas axudas. Logo, a onde non lles cheguen os cartos, pásanlle a minuta aos comuneiros.
La Región: O 40% do monte galego abandonado está en Ourense

Ourense é a provincia galega con máis superficie de terreos forestais abandonados que serían aproveitables e con potencial de posta en valor, segundo un estudo que acaba de publicar o Inega sobre o mercado forestal galego e, en concreto, o da biomasa.

Así, segundo este informe, Ourense conta con 67.130 hectáreas de terreos abandonados aproveitables, o 40% do total de Galicia. En segundo lugar sitúase Lugo, con 35.800 hectáreas, seguido de Pontevedra, con 31.654, e finalmente A Coruña, con 28.902.

A utilización destes terreos para a produción de biomasa forestal permitiría unha produción anual de 472.000 toneladas na provincia de Ourense, dun total de 1.139.000 no conxunto de Galicia.

Este importante potencial cubriría as necesidades dos proxectos de centrais de biomasa propostos na provincia. Trátase, en concreto, das de Ribadavia, Verín e A Veiga, cuxas necesidades de biomasa serían de 45.144, 54.000 e 8.856 toneladas anuais, respectivamente. A elas súmase a central existente, en Allariz, cunhas necesidades de biomasa de 21.150 toneladas anuais.

EN GALICIA

No conxunto de Galicia, están proxectadas 12 centrais de biomasa, cunhas necesidades anuais de 720.000 toneladas, que quedarían amplamente cubertas co aproveitamento de superficies actualmente abandonadas. En todos os casos, as necesidades de biomasa cubriríanse cos recursos dispoñibles nun radio de menos de 30 quilómetros.

En todo caso, desde o sector, observan que un dos maiores problemas é a fragmentación da propiedade forestal, segundo explica Elier Ojea, presidente da Asociación Provincial de Madeireiros e de Confemadera Galicia. 'Si hai biomasa para atender a demanda, pero dada a situación da propiedade, vai xerar dificultades', comenta. O alto minifundismo (ao que se suma a existencia de propiedades de titularidade descoñecida) ocasiona problemas de accesibilidade ás leiras para o seu aproveitamento. A xuízo do sector, 'é fundamental incrementar o tamaño medio da unidade forestal', recorrendo a diversas medidas, como podería ser o asociacionismo ou a xestión conxunta das parcelas. De feito, o sector exporá ao novo goberno da Xunta a necesidade de adoptar medidas neste ámbito. 'Non pode ser que cada ano sigamos falando do grave problema dos incendios e da falta de rendibilidade dos montes, sen que sexamos capaces de facer algo respecto diso', aseguran desde a asociación,

Así, na zona da Mariña (Lugo) e o norte da Coruña avanzouse máis en asociacións de propietarios xestionados por técnicos, que derivaron en menor incidencia de incendios e nun monte limpo e coidado, segundo indica o presidente dos madeireiros. A xuízo dos madeireiros, 'Galicia non se pode permitir o luxo de ter o monte abandonado' e que é un reto acordar o seu modelo de desenvolvemento forestal que, ademais, sería unha importante fonte de ingresos e asentaría poboación en contornas rurais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.