jueves, 13 de diciembre de 2012

O que fai fillos en muller allea, perde os fillos e máis a feitura

Isto é o que di o refrán, mais se nos referimos aos montes roubados aos nosos avós polo Estado durante a Ditadura, sen pagarlles ren, logo cando se veu obrigado a devolvérnolos, fíxoo si, pero con unhas cargas que moitos comuneiros a día de hoxe aínda están pagando.

Outros aínda o teñen máis cru, xa que de momento non recuperaron os seus montes, algúns en mans dos concellos: EU reclama ao goberno de Ferrol a devolución dos montes expropiados na ditadura. Curioso, non? Cando gobernou en coalición co PSOE, esqueceuse desta reivindicación? Outro que tampouco fixo moito por devolverllos foi o BNG.

Por outra parte se ollan o DOG, case que diariamente, poden atoparse con Edictos coma este do: Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se resolve o expediente de clasificación do monte. Lugo e Ourense son o furgón de cola en canto á recuperación dos montes polos seus donos.

Xosé Alfredo Pereira Martínez, o presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, escribe hoxe sobre aquel roubo e os pufos que nos meteu o Estado.
Sermos Galiza: Débedas históricas dos montes veciñais: foros vellos e desafiuzamentos novos

Cando as populacións do medio rural lograron a recuperación dos montes veciñais (a partir da década dos 60 do século pasado) estes foron devoltos con débedas, que chaman incorrectamente históricas. A veciñanza comuneira, para poder xestionar libremente os seus montes veciñais, ou ben tiveron que aboar esas débedas (pagar un foro), ou asinar un convenio coa Xefatura de Produción Forestal e pagarlle unha porcentaxe en cada corta de madeira (pagar rendas por algo que é seu).

Estas débedas, chamadas incorrectamente, históricas, son inxustas dado que proveñen de un roubo, de unha usurpación. Nos primeiros anos da ditadura franquista, os montes veciñais fóronlle usurpados á veciñanza comuneira para entregarllo as Administracións Públicas (sobor de todo aos concellos). É certo que nos montes veciñais en man común existen débedas. Mais, non son débedas das populacións do medio rural hacia as Administracións Públicas.

Todo o contrario, son débedas das Administracións Públicas hacia o medio rural.

Cando os montes veciñais en man común fóronlle usurpados a veciñanza comuneira, estes foron expulsados das súas terras comunitarias. Como consecuencia de esta expulsión, os aproveitamentos agro-gandeiros, foron prohibidos nestas terras. Os veciños e veciñas dos lugares, aldeas e parroquias, quedaron sen medio de vida e tiveron que emigrar a Europa ou as grandes cidades do Estado Español, quedando o rural despoboado e abandonado. Como consecuencia desta usurpación, os montes veciñais enchéronse de especies de crecemento rápido en réxime de monocultivo e chegaron os lumes forestais coas consecuencias negativas tanto económicas como medioambientais para o Pais. Esta é a débeda real. A débeda que hai que cuantificar. A débeda que non teñen que pagar, senón cobrar as persoas que viven, traballan e xestionan o medio rural.

O Partido Popular, en solitario e sen consenso social, ven de aprobar unha Lei de Montes de Galiza. Por imposición desta Lei, as comunidades de montes que, en catro anos, non paguen estas falsas débedas históricas, están obrigadas a asinar un contrato de xestión con empresas privadas, e ao mesmo tempo, seguir pagando a débeda. A similitude cos desafiuzamentos e mais que equiparable. As comunidades de montes teñen que entregar as súas titularidades ao capital (como as persoas as súas vivendas aos bancos), e seguir pagando as falsas débedas (como as persoas teñen que seguir pagando as hipotecas).

Tanto os vellos foros de onte, como os desafiuzamentos de hoxe, son unha inxustiza. E coas inxustizas hai que acabar.

Xosé Alfredo Pereira Martínez

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.