lunes, 14 de enero de 2013

Monte e veciñanza

Organización Galega de Comunidades de Montes

En todos os avatares históricos e todos os aproveitamentos que tradicionalmente tivo o monte veciñal, sempre houbo unha constante: foi a relación monte e veciñanza, que permaneceu inalterable no tempo. Aínda máis, esta relación foi a que fixo que o monte veciñal chegase aos nosos días, mesmo estando a piques de desaparecer. Durante o franquismo, déronse tres feitos que golpearon moi duramente a relación monte -veciñanza:

1.- A usurpación dos montes aos seus lexítimos titulares.

2.- O aproveitamento dos montes veciñais case en réxime de monocultivo.Veciñanza

3.- A capitalización da agricultura, polo que o monte veciñal deixou de ser o soporte do complexo agro-gandeiro tradicional.

Esta relación é recollida como clave para obter a condición de comuneiro na lexislación actual sobre os montes veciñais -Lei de Montes Veciñais de 1989 e Regulamento de 1992-. Pero dun xeito indeterminado, a lexislación recolle a condición de ter algunha actividade relacionada co monte veciñal, cando a relación tradicional xa estaba desaparecendo e cando estaban a aparecer novas formas de relación co monte.

Esta definición da relación veciñanza-monte trouxo problemas en momentos delicados, como no reparto de beneficios ou semellantes, nos que se abriu o debate do significado da relación entre veciñanza e dereitos de comuneiro en relación coas actividades relacionadas co monte. Máis aínda naquelas comunidades de montes nas que as xuntas rectoras confundían os seus intereses particulares cos xerais da comunidade veciñal, o que evidenciaba tanto aos que querían impedir a obtención da condición de veciño/a comuneiro como aos que a querían obter, que estaban máis interesados no reparto de dividendos que na defensa do monte veciñal.

Entendemos e defendemos que a veciñanza debe ser o único requisito esixido para gozar dos dereitos do monte veciñal, e polo tanto que teñen que ser as veciñas e veciños comuneiros os únicos que teñen legalmente a capacidade de xestionar, administrar e poñer en valor os seus montes veciñais. Calquera outra alternativa sería conflictiva, como definir de xeito restritivo as actividades relacionadas co monte ou favorecer a entrada como comuneiras a persoas alleas á comunidade veciñal.

No hay comentarios: