lunes, 25 de marzo de 2013

Resucitar as verbas do monte

Un glosario da Universidade de Santiago xunta novos e vellos términos do sector forestal

Comerciante de madeira, carpinteiro de carros ou cazador de monte segundo o dicionario, a profesión de fragueiro pasou por mellores momentos. O xugo xa non somete aos bois -con sorte, decora os salóns de labradores retirados- e os propietarios do minifundio forestal venden directamente ás madeireiras ou, no mellor dos casos, a través de asociacións que desterran a vella figura do mediador. Fragueiro, vocábulo galego en desuso substituído polo español "remátante" para os xestores do monte, é un dos 2.400 termos do Vocabulario Forestal recentemente editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, un intento de reter en lingua vernácula o léxico resultante de séculos de traballo coa terra. A relación de termos aparece cos seus equivalentes en castelán e inglés, as linguas das que proceden moitas das palabras usadas para denominar novidades técnicas relacionadas co sector.

"Rareo" (clareo, ou corte de árbores para facer menos denso o bosque), "arrincacepos" (ou destoconadora, a máquina que arrinca a parte inferior da árbore, unida á raíz), "batelumes" (matafuegos), "carroncha das brañas" (o brezo que crece en zonas de turba), "cubrecalugas" (cubrenucas), "esqueiro" (escada), "pau de San Gregorio" (tamén pau dá rabia en galego, ou cerdeira de acio en castelán), "peto real" (paxaro picapinos), "pisco" (paporrubio), "ramalleo" (ramoneo, ou poda das puntas das ramas), "limpafontes" (titrón) ou "zagón" (zahón, mandil que se suxeita ás pernas). O glosario, coordinado polo lingüista Xulio Rodríguez Ríos, inclúe especies animais e vexetais, técnicas de cultivo, termos de ecoloxía e economía forestal, pragas ou maquinaria. Os seus destinatarios son estudantes de Agronomía da facultade lucense, de onde proceden o cinco expertos que durante máis de tres anos escrutaron tratados de botánica e dicionarios e entrevistaron a traballadores do sector en busca da palabra correcta, o menos deturpada posible pola influencia do español ou do inglés, idiomas con máis fortuna nos textos científicos, sobre todo cando o termo alude a innovacións ou prácticas afastadas da xestión tradicional do monte.

"Introdúcense maquinaria e novas técnicas con nome en español, así que o que achega este glosario é que ademais crea vocabulario adaptando termos portugueses", explica o agrónomo Antonio Rigueiro, un dos autores da publicación e experto en botánica. "Nacedío" é resultado desa procura. En Portugal chaman así ás plantas que brotan ao redor da árbore nai pola caída da simiente, pero en Galicia estendeuse o termo "diseminado", importado do castelán, para referise a esta rexeneración natural. A elección dunha e outra solución non estivo exenta de debate. ?Tivemos discusións e ás veces non foi fácil decidirnos por unha palabra, pero esta é unha proposta e estamos abertos a críticas e melloras?, suxire Rigueiro.

O léxico tamén rescata vocábulos reducidos pola simplificación no uso, como "rodal", referido tradicionalmente a un pequeno grupo de árbores, inferior á media ducia, que só conserva o seu sentido correcto no sur da provincia de Pontevedra. No resto de Galicia ?e nas convocatorias oficiais de axudas públicas? é máis frecuente falar de "mouteiras", aínda que este termo alude a áreas de arboledo algo máis grandes que o "rodal". Os matices se difuminan debido ao abandono de prácticas tradicionais e a perda de falantes de galego vinculados ao medio rural; o monte xa non é, como outrora, obxecto de saber popular, aínda que a súa extensión aumente e ocupe xa o 69% da superficie galega. ?Un dos obxectivos deste vocabulario é precisamente que os estudantes da Escola Politécnica Superior usen ben os termos e que non recorran tanto a léxico castelán, porque as novas xeracións xa non están familiarizadas co monte?, explica o autor do Vocabulario, editado en papel pero tamén dispoñible na web da Universidade de Santiago.
Aínda que como ferramenta para especialistas o léxico indica sempre o nome científico de animais e plantas, non esquece os nomes populares, variacións xeográficas incluídas, de animais e plantas das zonas de monte: non lle faltan nomes ao bidueiro, que pode ser "bídalo", "bido", "bidueira" ou "bidueiro", nin á "abubilla" paxaro de pico longo e crista colorida, en galego "poupa" ou "bubela"?, como tampouco ao "cervo volante" -vacaloura, cornetán ou escarnabois-, ou a "tijereta", - "forcadela" ou "cadela de frade" na lingua propia. Para outro volume queda unha tarefa non menos inxente que a Rigueiro gustaríalle abordar: un glosario agrogandeiro, dono tamén de termos que se confunden e esquécense.

No hay comentarios: