miércoles, 24 de abril de 2013

Outro atentado contra 5000 anos de Historia

O tractor que realiza a tala que causou importantes danos en dúas mámoas do Monte Penide.
Foto ©: Faro
Faro de Vigo: Unha tala con maquinaria pesada dana dúas mámoas do xacemento de Monte Penide

Axentes do Seprona paralizan os traballos dos comuneiros de Cabeiro á espera do informe arqueolóxico - A actuación carece de permiso da Dirección Xeral de Patrimonio

O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil parou onte uns traballos de tala promovida pola comunidade de montes de Cabeiro na zona de Monte Penide tras causar danos importantes en dúas mámoas catalogadas neste parque arqueolóxico.

A actuación foi denunciada polos comuneiros da parroquia de San Vicente de Trasmañó o pasado venres ao observar que se traballaba con maquinaria pasada na área de protección do xacemento megalítico, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), e os axentes acudíronse onte pola mañá na zona. O persoal do Seprona solicitou o permiso de Patrimonio necesario para realizar unha tala nas áreas de protección arqueolóxica aos membros da comunidade de Cabeiro presentes no lugar e, ao non entregalo, procederon a paralizar os traballos.

A actuación atópase nestes momentos á espera da presenza dos arqueólogos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na zona para avaliar os danos e notificar as pertinentes sanciones.

O presidente dos comuneiros de Trasmañó, Fernando Magdalena Branco, criticou esta grave agresión ao patrimonio cultural e reclama "unha maior sensibilización" para que este tipo de feitos non se volvan a repetir. "É incomprensible que se causen estes danos cando nos plans de xestión forestal de cada comunidade inclúese un catálogo dos bens a protexer en cada zona", indica Fernando Magdalena.

As mámoas danadas son, concretamente, a 23 e a 32 do catálogo de Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Esta necrópole neolítica, coñecida como Chan da Cruz ou Chan das Formigas, conforma unha das maiores concentracións de enterramentos tumulares do noroeste peninsular. O xacemento arqueolóxico está conformado por medio centenar de túmulos e petróglifos duns 5.000 anos de antigüidade, declarados conxunto histórico-artístico en 1970.

A comunidade de montes de Trasmañó tamén denuncia que os comuneiros de Cabeiro realizan as talas en terreos que en terreos pertencentes a Trasmañó, "como aparecen claramente delimitados nos planos da administración", conclúe Magdalena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.