miércoles, 8 de mayo de 2013

A unión fai a forza

©. La Voz de Galicia
Con todo iso algo está pasando na Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza, xa que ante a desbandada das Comunidades de Baroña, Miñortos, Camboño e San Pedro, no seu día, a de Oleiros tamén formaba parte.
La Voz de Galicia: Comuneiros de Artes, Olveira e Oleiros deciden unirse nunha mancomunidade

Tamén esperase que en breve se sume ao grupo a entidade de Carreira

Aconsellados polos profesionais da sociedade cooperativa Xesforesta, entidades de montes do municipio de Ribeira decidiron concentrar esforzos e constituír unha mancomunidade baixo o nome de Barbanza Sur. Polo momento, deron luz verde á unión os comuneiros de Artes, Olveira e Oleiros, pero esperase que nun prazo breve de tempo tamén se incorporen os de Carreira.

Ao agruparse suman preto de setecentos comuneiros e máis de mil hectáreas de terreo. A xunta xestora está presidida por Joaquín Gómez Casais, a persoa que está á fronte da entidade de Oleiros.
Gómez dirixe a xestora. Queijeiro
Unha vez recibido o visto e prace por parte dos socios, o seguinte paso será a reunión da directiva para a constitución formal da mancomunidade, cuxos estatutos redactou o equipo de Xesforesta. Joaquín Gómez sinalou que, posiblemente, a reunión celebrarase sen agardar a que Carreira convoque a asemblea decisoria pero contando coa súa próxima inclusión.

Mellor aproveitamento

Á hora de mancomunarse tivo un peso decisivo o feito de que é máis factible conseguir subvencións de forma agrupada que de xeito individual. Joaquín Gómez explica que, en moitas convocatorias que se realizan desde a Administración, esíxense un mínimo de metros cadrados de terreo forestal ou de comuneiros.

En canto á actividade que desenvolverían de forma conxunta, todos coinciden en sinalar a realización de traballos de limpeza para previr incendios, o arranxo de pistas forestais e a repoboación con especies autóctonas.

Ademais, Joaquín Gómez indica que, ao actuar de xeito unido, será máis fácil acometer proxectos de ordenación do monte que permitan obter un mellor aproveitamento dos terreos comunais.

Neste sentido, o asesoramento dos técnicos de Xesforesta resulta determinante. De feito, Joaquín Gómez comentou que foron eles quen se encargaron da realización de todo o papelorio.

Con todo, que a mancomunidade Barbanza Sur vaia materializarse foi un longo proceso. De feito, a primeira comunidade en dar a súa visto e prace ao proxecto foi a de Artes, que o fixo o pasado ano. Foi a principios do 2013 cando se ratificaron as de Olveira e Oleiros.

Joaquín Gómez Casais indica que tamén será posible, desde a mancomunidade, atender demandas que poidan existir en determinados ámbitos. Hai que sinalar que estas entidades teñen terreos afectados polo parque natural de Corrubedo ou a comuneiros con leiras no espazo protexido e que hai outros aspectos conxuntos.

Esta é a segunda asociación destas características que se constitúe na comarca. A primeira foi a Mancomunidade de Montes Serra do Barbanza, que agrupa a comuneiros pertencentes a diversos concellos, aínda que un bo número deles son do municipio de Porto do Son.

No hay comentarios: