jueves, 2 de mayo de 2013

Recuperando Patrimonio Etnográfico


Chozo e curral da Portela dás Travesas, na Serra do Suído, en Covelo.
Foto: © D.P.
Faro de Vigo: Covelo inicia a restauración dun «foxo do lobo» e de chozas de pastores do Suído
Trátase de elementos do patrimonio etnográfico e gandeiro da Idade Media que corrían perigo de desaparecer - Os traballos comezan este mes e acabarán en xuño

O Concello de Covelo executará desde este mes e até xuño as obras incluídas no proxecto denominado "Posta en Valor do patrimonio etnográfico e gandeiro da Serra do Suído", que resultou seleccionado entre os proxectos considerados dinamizadores da economía rural, pola Axencia Galega de Desenvolvemento rural (Agader)da Consellería do Mar e do Medio Rural da Xunta de Galicia.

As obras consistirán na restauración de varias chozas de pastores e do Foxo do Lobo de Portela das Travesas, situados no corazón da Serra do Suído, nunha contorna que inclúe unha importantísima riqueza ambiental e incluído na proposta europea de ampliación de espazos protexidos Rede Natura 2000, concibido como un destino indicado para o turismo deportivo e de natureza.

Un dos elementos máis significativos deste conxunto é o Foxo do lobo; o curral anexo no que de noite se gardaba o gando, e a choza no que se refuxiaban os pastores que estaban ao seu coidado na tempada de pastoreo nos meses de verán.

Nesta contorna, no que tamén existe unha mámoa catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio, instalarase un panel explicativo do sistema de organización das monterías para dar caza aos lobos, as distintas funcións dos elementos que o integran e as referencias históricas que os sitúan na Idade Media.

Este patrimonio etnográfico, até agora esquecido e en serio perigo de desaparición, é obxecto de admiración de moitos visitantes do Concello de Covelo que se sorprenden ao descubrir que os nosos antepasados utilizaban todos os medios dispoñibles para gardar o seu gando e poder subsistir na serra.

Froito deste traballo exhaustivo, queda reflectido este patrimonio etnográfico e cultural como elemento fundamental da nosa historia colectiva como poboo que agora se pretende recuperar e pór en valor, facendo así xustiza cos que nos precederon.

Pola súa banda, o Concello de Covelo quere agradecer especialmente a colaboración mostrada polas comunidades de montes das parroquias de Campo, Fofe, Piñeiro e Barciademera, así como á da Deputación de Pontevedra xa que, segundo confirmou o seu presidente, Rafael Louzán, tamén participará no financiamento deste proxecto de restauración etnográfica e conservación ambiental.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.