domingo, 9 de junio de 2013

«Os poldros son un escudo das vacas contra os lobos no monte»

Cabalos e vacas convivindo no Barbanza
La Voz de Galicia: «Gandeiros de Abadín asumen que os ataques a gando cabalar son eficaces porque así queda a salvo o vacún

Os ataques a poldros non son raros en zonas onde abunda o gando cabalar de monte e onde pode haber lobos. O que tampouco resulta raro, por estraño que poida soar nunha primeira impresión, é que os poldros fagan un favor a outros animais cando son devorados polos lobos.

«Os poldros son un escudo non monte contra os lobos». Quen se expresa de xeito tan claro e rotunda é Manuel Rivas, gandeiro da parroquia de Labrada. Nesta zona do nordeste da Terra Chá que ademais está próxima a concellos mariñáns como O Valadouro, Alfoz e Mondoñedo, os ataques de lobos son habituais: segundo os seus datos, máis de 50 poldros sufriron danos no que vai de 2013.

A cambio, agrega, o gando vacún, formado por vacas e becerros, queda máis ben a salvo. A súa conclusión está clara: «Se non houbese poldros, os lobos atacarían aos becerros», sostén este gandeiro.

A cabana cabalar é extensa nesa ampla parroquia abadinense. Unhas 1.000 cabezas poden pastar libremente polo monte, onde cumpren ademais unha función de roza que os gandeiros non deixan de recoñecer. A cotización no mercado, nunha comunidade na que o consumo de carne está en niveis inferiores aos doutras, non anima a criar estes animais.

Un poldro, di Rivas, pode venderse «como moito» a 25 euros, e para iso fai falta unha negociación algo insistente co comprador.

Mentres tanto, a cabana de gando vacún tamén suma varios centenares de cabezas entre vacas e becerros. Hai vacas que están todo o ano no monte, mentres que outras permanecen nas explotacións uns cinco meses, de novembro a abril. Os becerros, como se detalla no cadro adxunto, completan a súa alimentación nos cebadeiros antes da súa venda.

Pasteiro ou monte aberto son os dous tipos de terreo en que permanece o gando vacún. No caso dunha parroquia como Labrada, explica Rivas, o pasteiro é terreo que pertence á comunidade de montes e que foi preparado pola Xunta hai anos: a súa distribución repártese entre diversos barrios da parroquia ata sumar unha extensión total dunhas 300 hectáreas.

O que si destaca este gandeiro é que esas reses, tanto se permanecen nun pasteiro coma se se moven e pastan en terreo aberto, caracterízanse por un sistema de produción completamente extensiva, sen procedementos industriais na súa alimentación.

Doutra banda, o gando cabalar que se move polo monte e que a miúdo sofre os ataques dos lobos non proporciona ningunha compensación económica se chega a sufrir danos. En realidade, manifesta Rivas, nin sequera notifícanse esas situacións, xa que non sempre están identificados, condición indispensable para obter algunha cantidade polos danos. Unha vez mortos, quedan no monte, e os seus restos son devorados por aves.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.