lunes, 22 de junio de 2015

Grazas á unión pode ser a única forma de saber «aproveitarse» do monte

Propietarios de montes únense para por o valor o terreo forestal privado

Queren identificar, ordenar e recuperar o monte particular para obter un rendemento tanto económico como social e ambiental - Inician acordos cos comuneiros

Recuperar o terreo forestal privado, mellorar a súa produción e rendibilidade, contribuír ao desenvolvemento social, ambiental e económico do ámbito rural e á creación de emprego vinculado a esta actividade son algúns dos obxectivos da Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo (APMM), que un grupo de veciños da comarca creou e cuxa constitución legal se formalizará cunha asemblea xeral que se celebrará o vindeiro domingo. José Manuel Carracelas, Luciano Guimeráns, Carmen Pérez, Xullo Lorenzo, Miguel Cabanelas e Carmen López impulsan este colectivo, que se propón unir aos propietarios de montes particulares para polos en valor, despois de emprender un traballo de localización das parcelas, actualizar o censo catastral, apoiar a agrupación de leiras e polígonos, ordenalas e coidalas.

Un labor que non só beneficiará aos donos dos terreos -que nalgúns casos descoñecen até onde chegan ou onde se localizan os seus montes-, senón a toda a sociedade, xa que se propoñen mellorar e coidar o terreo forestal, fomentar actividades vinculadas co turismo e o medio ambiente e, primeiro de nada, previr e evitar os incendios forestais, que acaban con toda posibilidade de desenvolvemento do mundo rural.

Os propietarios de montes particulares de O Morrazo poden reunir aproximadamente a metade do terreo forestal da comarca. A outra metade pertence ás comunidades de montes, coas que queren colaborar para optimizar o valor de ambos os terreos, o privado e o mancomunado. De feito, explican, os seus obxectivos son case os mesmos que os das comunidades de montes, pero aplicados ao terreo privado.

Os promotores da APMM -que se constituirán en directiva na asemblea xeral constituínte do próximo domingo-, xa iniciaron conversacións cos responsables das comunidades de montes da comarca, que se mostraron entusiasmados coa iniciativa dos propietarios. De feito, recuperar, ordenar e coidar estes terreos particulares é unha necesidade e unha vella demanda das comunidades de montes, para lograr ter todo o terreo forestal regulado e afastado da secuela dos incendios.

Os impulsores desta iniciativa fan un chamamento a todos os titulares de terreo forestal da comarca, sexa cal for a extensión do mesmo, mesmo aínda que non teñan moi claro onde se sitúan e até onde se estenden as súas parcelas, para que se somen a este colectivo.

Desde a APMM emprenderán actuacións coas administracións públicas e coas comunidades de montes, para lograr o aproveitamento social e económico destes terreos e que permaneceu esquecido durante décadas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.