jueves, 29 de octubre de 2015

Pista aberta no monte comunal de Porriño


Comuneiros de Porriño denuncian a apertura de pistas sen autorización

Esnaquizaron zonas arboradas e plantación de piñeiro novo - As comunidades de montes reclaman aos deportistas, nunha reunión en Mos, un uso responsable do terreo forestal

A Comunidade de Montes Santa María de Porriño denunciou a apertura de pistas en varias zonas do monte veciñal sen autorización. A xunta reitora informa nun comunicado que sospeita de colectivos ciclistas, "os cales amparándose en que se ía a celebrar o campionato de España de Enduro nos montes de Porriño, Mos e Xinzo, aproveitaron a ocasión para cometer desfeitas, todos eles en zonas arboradas e plantación de piñeiro novo, actuando tamén en montes particulares sen permiso dos propietarios", explican.

O presidente dos comuneiros, Santiago González, remarca que "tanto as comunidades como os montes particulares son propiedades privadas" e asegura que "a xunta reitora está a pescudar quen cometeron estas desfeitas, tendo xa a algúns posibles culpables". As medidas a tomar neste caso son denunciar ante as autoridades pertinentes e proceder a pechar todas aquelas pistas que non sexan públicas ao paso de vehículos até buscar unha solución ao problema. González cre que o uso do monte debe estar regulado, marcando unhas pautas e delimitar zonas para o paso de ciclistas e outras actividades que non causen deterioración ao monte.

Precisamente, o Pazo de Mos foi o escenario, o pasado martes, da primeira toma de contacto entre representantes de comunidades de montes dos municipios de Porriño, Ponteareas, Salceda, Tui e Mos e clubs deportivos. Un uso irresponsable do terreo forestal provocando unha degradación do mesmo, causando danos en plantacións e en restos arqueolóxicos, foi unha das causas que induciu a celebración deste encontro sobre a xestión sustentable dos montes galegos, que se enmarca nas XII Xornadas Micolóxicas do Concello de Mos.

"Crear conciencia social, habituando a respectar o que é de todos, ese é o noso obxectivo", asegura Ramón Muíños, secretario da Comunidade de Montes de Mos, que valorou a mesa redonda moi positivamente. Tanto Muíños como Jesús Represas, presidente da Comunidade de Montes de Xinzo, coinciden en que o problema non está nos clubs e nas persoas federadas, "nestes casos, para a organización de calquera proba sempre nos solicitan a pertinente autorización", senón naquelas que "van por libre e que mesmo abren pistas á súa antollo", Desde as comunidades de montes aseguran que non teñen problema en deixar os montes para practicar deportes como ciclismo, motociclismo, caza ou sendeirismo , entre outros, e mesmo de habilitar un novo paso, "pero sempre que se faga con sentido común e respectando ao propietario", subliña Represas.

Descoñecemento

Precisamente o feito de que o monte veciñal é propiedade privada foi outro dos puntos tratados na reunión. "Cremos que existe un descoñecemento por parte dalgunhas persoas respecto do que son os montes comunais, pois non saben que se trata de propiedades privadas". Con todo, "parécenos estupendo que a xente e colectivos sociais vaia ao monte e faga uso del, pero sempre respectando o medio ambiente e aos demais usuarios, redundando así en beneficio todos", remarca Muíños.

Representantes de comunidades de montes e clubs deportistas coincidiron nas formulacións alí expostas. No entanto, Joaquín Agra, presidente do Motoclub Papaya, indica que "ás veces existe demasiado alarmismo" e que "sería bo que no canto de prohibir tanto se sinalizase máis para respectar". Ambas as partes mostraron vontade para solucionar os problemas existentes.

No hay comentarios: