martes, 10 de mayo de 2016

Alguén terá que buscarlle solución, antes de que sexa demasiado tarde

Fonte orixinal Xornal Galicia.com: contraMINAcción DENUNCIA o perigo dunha balsa de lodos tóxicos en Lousame cuxa rotura sería catastrófica para a ría de Muros e Noia
Ten unha superficie de 5 hectáreas de refugallos contidas por un deteriorado encoro de formigón con máis de 100 anos
10 de maio de 2016. A pasada fin de semana, unha comitiva da Plataforma contraMINAcción viaxou a Lousame para estudar in situ o alcance dos danos causados polo incendio intencionado que arrasou 9 hectáreas do Monte Veciñal en Man Común de Froxán o 1 de maio de 2016. Nesta visita, puidemos comprobar como o incendio atravesou un camiño en até catro puntos, sendo extinguido a tempo (o primeiro deles grazas tamén á presenza de frondosas que ralentizaron o seu avance) e evitando así que queimase a maior parte do monte e chegase ás casas da aldea.

Aproveitamos a visita para constatar a existencia de numerosos pozos e vetas abertas abandonadas producidas pola actividade mineira nos montes veciñais de Froxán e da Feosa (denominados localmente “choios”). Como adoita acontecer, as mineiras deixaron todo abandonado e tivo que ser a propia veciñanza a que levou a cabo os labores de restauración dalgúns deses buracos, os de menor tamaño, sen axuda das administracións ou das empresas concesionarias responsábeis. Verificamos, contodo, o risco que ainda supoñen estes pozos e vetas abertas e advertimos o perigoso que resulta transitar por esta zona por fóra dos camiños.

A delegación de ContraMINAcción tamén comprobou a expansión da ocupación de parcelas de monte veciñal que a empresa concesionaria da mina vén realizando nos últimos anos, incluíndo a invasión de monte con cascallos e balsas de lixiviados no caso da comunidade da Feosa; e da instalación dun portalón e reixado no acceso a unha das parcelas do monte de Froxán.

Forte contaminación do río San Fins e balsa con 5 hectáreas de lodos tóxicos

Ao longo de todo o perímetro das escombreiras prodúcese un lixiviado constante dos materiais expostos á intemperie e ao arrastre da chuvia que decanta directamente no río San Fins. As augas fluviais do río San Fins, que desprenden este forte cheiro, continúan o seu curso sen ningunha clase de tratamento.

É notorio en toda a zona fluvial próxima á mina un forte fedor químico. Río abaixo das instalacións da mina de San Fins, existe unha inmensa balsa de lodos tóxicos que ocupa unhas 5 hectáreas contida por un dique de formigón fabricado hai mais de 100 anos e que se encontra en pésimo estado. Quedamos moi preocupados polas consecuencias potenciais da rotura deste dique. Unha catástrofe así afectaría a toda a actividade marisqueira da ría de Muros e Noia, entre outras das moitas consecuencias ambientais que acarrearía.

Ninguén repara a desfeita ao tempo que o concello desbalde cartos en promover a “natureza mineira” de Lousame

En conclusión, comprobamos os danos do incendio intencionado no MVMC de Froxán, atentando que volvemos a condenar rotundamente, esperando que sexan detidas, investigadas e no seu caso xulgadas as persoas responsábeis. Tamén verificamos os estragos que causa a actividade mineira na zona, moi lonxe de calquera romanticismo que promove con diñeiro público o Concello de Lousame sen facer as correspondentes comprobacións. Todo fai pensar que as labores mineiras presentes e pasadas e as ameazas e o desastre ambiental que as acompaña non son aparentemente sometidos ao suficiente rigor de inspección por parte das administracións públicas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.