lunes, 27 de junio de 2016

O DOG publica a orde de axudas para a plantación de castiñeiros de froito cun orzamento de 2,6 millóns de euros

www.xunta.gal/notas-de-prensa:  As actuacións subvencionables son os gastos de plantación forestal, incluíndo os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e adquisición de planta, entre outras

As axudas serán dun mínimo de 300 euros e un máximo de 2.200 euros por hectárea dependendo da densidade de plantación

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde de axudas da Consellería do Medio Rural para o establecemento de sistemas agroforestais que combinen o aproveitamento forestal coa actividade agrícola e nomeadamente a plantación de castiñeiros para froito, cun orzamento de 2,6 millóns de euros.

Estas achegas permitirán a plantación dunhas 1.000 hectáreas destas árbores, propiedade duns 700 titulares. Estas axudas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Os principais obxectivos desta medida pasan polo fomento dos sistemas agroforestais e a súa preservación, o aproveitamento sostible dos soutos de castiñeiros, o mantemento da actividade agraria nas zonas rurais, e en particular nas zonas de montaña, e o apoio a un produto galego de calidade amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia.

Actuacións subvencionables
As actuacións obxecto de subvención son os gastos de plantación forestal, incluíndo os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, etc.

Tamén haberá primas de mantemento, destinadas ao coidado, mantemento, enxertado no caso de ser necesario e demais traballos posteriores á plantación do castiñeiro para froito, que son precisos para o logro da plantación realizada. E subvencionaranse igualmente as infraestruturas de acompañamento e as obras complementarias.

Con respecto á anterior convocatoria, mellórase a redacción en diferentes aspectos, como a eliminación do criterio de pendente máxima ou a diminución da superficie mínima elixible. Ademais, non se limita a superficie máxima e amplíase o ámbito xeográfico a toda a Comunidade Autónoma.

Importe das axudas
Con carácter xeral, as axudas serán dun mínimo de 300 euros e un máximo de 2.200 euros por hectárea. Dependerán da densidade da plantación (a maior densidade, maior axuda) e de se o castiñeiro é enxertado ou non (primaranse as árbores enxertadas). A superficie mínima para particulares é de media hectárea, aínda que poderán unirse para alcanzar esa superficie en parcelas contiguas. Esta superficie mínima elevarase a dúas hectáreas no caso das comunidades de montes.

No hay comentarios: