domingo, 9 de enero de 2011

Cando Barbanza pensaba en verde

Boiroverde convocou en novembro unha xornada
de limpeza en Barraña, que estivo moi concorrida
Autor da imaxe: SIMÓN BALVÍS
Hai un refrán que di: xente nova e leña verde, todo é fume. Mais houbo un tempo no Barbanza, como nos lembra La Voz de Galicia, que non sempre foi así. Tal vez por iso, por ser xoves, a súa loita e defensa da natureza non foi precisamente un camiño de rosas, políticos de tódalas tendencias víannos máis como inimigos, e algunha xente, coma "vechos raros".

Hoxe estamos afeitos a ver contedores de papel e cartón nos Concellos, pero foi precisamente pola súa visión de futuro, os que comezaron a concienciarse das vantaxes da súa recuperación e que non rematasen inutilmente nos vertedeiros. Quen non lembra aqueles bidóns de aceite, por Noia, reconvertidos polos Xoves Ecoloxistas e Naturalistas Noieses, para o mesmo fin?

Noméeos por proximidade e porque foi o colectivo que máis duro o tivo coas autoridades. Tamén porque foi cos que tiven máis contacto, primeiro colaborando levándolles papel e cartón en vez de tiralo ou queimalo e despois na procura de asesoramento por las tallas que considerabamos indiscriminadas na nosa comunidade. E por último, porque prepareilles os últimos bidóns que colocaran nas rúas.

Lamentablemente e como veño denunciando e ollamos acotío na prensa, demasiada xente adoita seguir desfacéndose dos seus residuos en plena natureza ou en días non habilitados, mentres as autoridades miran para outro lado.


La Voz de Galicia: Texto orixinal en castelán aquí

A década dos noventa foi a etapa dourada do asociacionismo no Barbanza. Confírmao a longa lista de entidades que, durante aqueles anos de conciencia reivindicativa, xurdiron ao longo e ancho da comarca. Pero foi, sobre todo, a era da cor verde. Naquel período chegaron a funcionar na zona unha ducia de colectivos cuxa bandeira non era outra que a loita pola defensa do medio ambiente. Pouco a pouco, a chama ecoloxista foise apagando. Tanto é así que, hoxe, sobran os dedos dunha man para contalos grupos con selo barbancés que manteñen unha actividade periódica.

Talas de árbores, deseño de proxectos para a dotación de paseos marítimos, propostas para construír minicentrais nos ríos e ata os vertedoiros que levaban anos funcionando eran por aquel entón motivos suficientes para argumentar a posta en marcha dun grupo ecoloxista. Houbo algúns que tiveron unha actividade importante. Foi o caso de Ruscus, que se involucrou en diversas actuacións previstas para o territorio boirense, desde as obras para a captación de augas no río Coroño ata o paseo de Carragueiros, pasando polo depósito de residuos en Espiñeira.

En Ribeira foi moi coñecida o labor para Cenar, un colectivo que loitou sobre todo en dúas frontes: a protección do lobo e o fin da extracción de area nas dunas de Corrubedo. Mentres, contra as talas de árbores e a execución de obras daniñas nas praias alzaban a súa voz os pobrenses de Acuario. De forma paralela, desde Noia erixíanse como defensores dos montes os integrantes da Fundación Germán Estévez e os Xóvenes Ecoloxistas e Naturalistas Noieses trataban de trocalos hábitos no relativo ao tratamento do lixo, promovendo a reciclaxe.

Caos ambiental

Á lista hai que sumar outras entidades que tamén achegaron o seu grao de area á época máis verde do Barbanza. Por exemplo, os rianxeiros de Toxo e Mel, os noieses de Sobreira, os Vellos Encoiros de Ribeira e os boirenses de Londras. Era unha época de incendios, de vertedoiros incontrolados por tódalas partes, de obras en cada recuncho do litoral e, en definitiva, de falta de conciencia ambiental, tanto por parte da maioría dos cidadáns como por parte das Administracións. Foi este descontrol o que levou a algúns veciños a liderar un movemento que tivo moito que ver co cambio de mentalidade que experimentou Barbanza.

Unha das persoas que formaron parte daquela avanzada foi o boirense Antón Vidal Sánchez. El liderou un dos grupos ecoloxistas máis activos da comarca durante a década dos noventa, Ruscus. Aínda hoxe ten claras cales foron as razóns que o levaron a fundar esta asociación: «A principal foi a falla de respecto que había cara o medio ambiente. Os concellos facían e desfacían sen ter ningún coidado».

Vidal Sánchez considera que foi precisamente a presión que exerceron os grupos ecoloxistas a que propiciou un cambio de actitude nas Administracións: «Xurdiron as concellerías de Medio Ambiente e cambiouse a conciencia dos propios gobernantes, que se deron conta de que non todo valía. Os organismos públicos empezaron a asumir o papel que tiñan os grupos ecoloxistas».

Foi así como, aos poucos, a chama prendida desde distintas frontes da comarca foise apagando. O boirense tamén atribúe a este feito outros motivos como a falta de substitución xeracional e a carencia de apoio por parte das Administracións: «Había ideas, había proxectos, pero non había fondos para levalos a cabo e a xente acabou cansándose».

E é unha pena. A pesar de considerar que grupos como Ruscus xogaron un papel fundamental na creación de conciencia ambiental en Barbanza, Antón Vidal está convencido de que aínda queda moito por facer: «A gran materia pendente é cambiar as actitudes dos cidadáns da pé, refírome a eternos problemas como o dos excrementos dos cans ou da reciclaxe. Non se logrou convencer aos veciños da necesidade de coidar aspectos coma estes e oxalá xurdiran entidades que traballaran neste eido».

Entidades en acción

Algunha que outra si que hai. No municipio boirense, por exemplo, acaba de ver a luz Boiroverde, un colectivo precisamente encamiñado a sensibilizar á poboación. Outros grupos ecoloxistas que funcionan en Barbanza son Illa de Sagres, especializado na defensa do litoral, e Verdegaia, que se implicaron en cuestións como a localización da depuradora de Ribeira ou as obras de ampliación do porto de Cabo de Cruz. A estas entidades hai que sumar Adega, un colectivo que si soubo adaptarse ao paso do tempo, intensificando ata o seu traballo en Barbanza coa posta en marcha dunha especie de delegación comarcal.

Iso si, non cabe dúbida de que a conciencia reivindicativa e ambiental segue latente en Barbanza. De feito, esperta cada vez que se deseña un proxecto ou se anuncia unha actuación que pon en perigo a riqueza paisaxística da comarca.

1 comentario:

  1. Ogallá esa conciencia ambiental predominara máis. Lamentablemente, moitas persoas, por descoñecemento, incultura ou simple incivismo, néganse a cambiar de mentalidade.

    ResponderEliminar

Para poder comentar só pido sentido e respecto.