martes, 5 de junio de 2012

Medio Rural e Mar destina 3,5 millóns de euros aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para 2012 e 2013

Marco no monte de Nebra
Estas axudas van dirixidas ao desenvolvemento de servizos básicos para a economía e a poboación rural, a accións de conservación e mellora do patrimonio rural e ao fomento de actividades turísticas

Poderán beneficiarse delas as asociacións, fundacións e entidades privadas sen ánimo de lucro, comunidades veciñais de montes en man común e asociacións e confederacións de empresarios

O prazo de presentación das solicitudes é de 45 días naturais contados dende mañá


Santiago, 5 de xuño de 2012.- A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 3,5 millóns de euros aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para os anos 2012-2013. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas subvencións cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013.

En concreto as axudas destínanse ao desenvolvemento de servizos básicos para a economía e a poboación rural, a accións de conservación e mellora do patrimonio rural e ao fomento de actividades turísticas. Os beneficiarios destas axudas son asociacións, fundacións, comunidades de montes veciñais en man común e outras entidades privadas, sen ánimo de lucro, que coas súas iniciativas busquen a mellora das condicións de vida no rural, e que promovan actuacións tendentes á implantación e mellora dos servizos para a poboación rural e traten de frear o despoboamento.

As solicitudes para esta convocatoria dirixiranse ao director xeral de Agader e presentaranse segundo os modelos do anexo 2 da resolución do 23 de maio de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras destas axudas, publicada no DOG do 13 de xuño de 2011, xunto coa documentación indicada nas bases. Os modelos das solicitudes poderán descargarse na web de Agader http://agader.xunta.es. O prazo de presentación de solicitudes é de 45 días naturais contados dende mañá e poderán presentarse tamén electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

PDR Galicia 2007-2013
O Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013, aprobado pola Comisión Europea, prevé diversas medidas dirixidas á mellora da calidade de vida nas zonas rurais e á diversificación da economía rural. A súa xestión corresponde á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), adscrita á Consellería do Medio Rural e do Mar.

Fonte orixinal: www.xunta.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.