lunes, 10 de junio de 2013

Non sempre é así

A pesar de que esta zona estaba limpa, o lume levouna por diante
Por moito que digan que se limpa o monte, nada é comparable a como se facía antes, cando se aproveitaba o batume para estralos animais. Na maioría das limpezas que se fan agora con maquinaria, os restos que quedan é pólvora. Visto e comprobado no noso monte.

Botarlle a culpa aos veciños que non limpan, limpamos o monte, é relativo, salvo casos excepcionais, unha gran maioría de comuneiros e incluso reitores, seguramente terán unha propiedade que tampouco limpan. Porén lendo estas declaracións algunha xente parece esquecer que tras unha gran maioría de lumes hai unha man negra. Iso é o que hai que controlar.


La Voz de Galicia: O custo da limpeza dunha hectárea de monte oscila entre os 400 e os 1.200 euros
O desembolso dependerá de se os traballos son mecanizados ou manuais

Como pasa co resto do territorio, o monte galego tamén é pasto do minifundio. As parcelas comunais conviven con outras de titularidade privada, formando a trama pola que, cando chegan o verán e as calores, o lume campa ás súas anchas con máis frecuencia da debida. As organizacións veciñais articuladas ao redor do monte recalcan o esforzo que para elas supón manter os seus territorios o máis limpos posible. Baste un exemplo: os comuneiros de András (Vilanova) investiron o ano pasado 25.000 euros só en tarefas de limpeza dalgunhas das súas parcelas. Os comuneiros quéixanse, sobre todo, de que o seu esforzo non serve de nada se os propietarios particulares cos que conviven non se encargan de manter en bo estado as súas parcelas. E é que a chama, en canto prende, non entende nin de límites, nin de fronteiras.

Así que, a estas alturas do ano, son moitos os cidadáns que se acordan daquel anaco de monte herdado e esquecido do que son donos e co que, en boa parte dos casos, non saben que facer. Antes era unha sorte posuír unha parcela capaz de proporcionar alimento para os animais, leña para o inverno e algúns ingresos extra coa madeira. Agora, herdar unha desas leiras convértese, para moitos, nun quebradizo de cabeza e nunha fonte de gastos.

Tanto nas zonas máis urbanas como nas máis rurais, abundan os carteis nos que se ofrecen brazos para limpar montes e leiras; será cousa da crise. E aínda que a oferta abunda, os prezos seguen sendo considerables se se ten en conta que os montes esixen limpezas periódicas. Por pór a punto unha hectárea de monte pídense cantidades que poden oscilar entre os 400 e os 1.200 euros.

A diferenza é enorme, pero ten explicación. Hai zonas nas que os traballos poden realizarse con tractores e outras máquinas que alixeiran as operacións de roza. Obviamente, o tempo necesario é menor e, polo tanto, tamén se reduce o custo. Pero hai outras parcelas nas que, ben pola orografía, ben pola espesura das árbores, é imposible entrar con máquina e o traballo de limpeza debe realizarse de modo manual. É aí cando os custos se disparan ata alcanzar os 1.200 euros.

Os ciclos da madeira

Afortunadamente, explican os comuneiros consultados, estas limpezas non é preciso realizalas todos os anos. Se o clima non se volve tolo nin fai tolear á vexetación, unha limpeza debería aguantar entre tres e catro anos, apoiada iso si por tarefas de mantemento. E é que, nos montes, os ciclos son máis longos. Tamén os dos ingresos. Dispor de madeira para cortar leva o seu tempo: os piñeiros necesitan crecer entre 25 e 30 anos e os eucaliptos entre 10 e 15. Por cada hectárea prodúcense uns 200 metros cúbicos de madeira, o que se pode traducir nuns ingresos medios que oscilarían entre os seis e os oito mil euros, xa que os valores de mercado tamén caeron.

Nesta conxuntura, o troco volveu ao monte: hai quen, tras a consabida negociación, fai os traballos de limpeza de zonas de arboredo e cóbrallos en especies: leva a madeira que haxa que retirar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Para poder comentar só pido sentido e respecto.